O pasado 5 de abril, a Delegación Territorial do COIN en Galicia organizou unha visita a Ferrol para o Consello Galego de Enxeñerías (CGES). Entre os asistentes estaban membros das Xuntas dos Colexios de Enxeñeiros que forman parte do CGES.
A cita comezou coa visita ao Arsenal do S. XVIII. Este gran Arsenal da ilustración é hoxe un recinto único no mundo que non sufriu os efectos das guerras nin tampouco reformas ou modificacións de importancia. Con case 300 anos, móstrase totalmente operativo.
A continuación, o grupo dirixiuse ás instalacións de NAVANTIA. Antes de percorrer o seu millón de metros cadrados e descubrir os seus xigantescos diques, a primeira parada produciuse no edificio de Dirección, onde foron recibidos polo seu director, Jorge Filgueiras Ameneiros, quen lles fixo unha presentación da historia do estaleiro e as construcións anteriores, actuais e futuras. A continuación, na sala de deseño virtual, o Xefe de Enxeñería, o do programa AOR para Australia e o Xefe do Programa F110 fixeron unha presentación dos seus respectivos programas. Posteriormente efectuouse unha visita ao resto de instalacións do estaleiro, destacando os diques nº2 e nº3 e as bancadas de construción.
Por último e non por iso menos importante, no edificio de Herrerías visitouse a Exposición Permanente da Construción Naval (EXPONAV) onde se explicou a evolución histórica de séculos de construción naval.
Para finalizar a xornada na Cidade Naval, organizouse un xantar de confraternización para todo o grupo.