Enrique Urcola, vicepresidente do CGES e decano da Demarcación de Galicia do CICCP dende abril do 2018; entidade á que leva vinculado desde 1996 e na que xa fora representante provincial pola Coruña, tesoureiro e, mesmo, conselleiro do Consello Xeral de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de España. Profesionalmente, foi consultor durante toda a súa vida e participou nalgunhas das infraestruturas máis importantes construídas en Galicia, desde a AP-9 ao paseo marítimo da Coruña, pasando polos dous maiores parques empresariais da comunidade (Morás e Plisan) ou pola Terceira Rolda da cidade herculina, distinguida co Premio San Telmo á mellor obra de enxeñería civil en Galicia. Repasamos con el, a situación do Consello Galego de Enxeñerías, os efectos da pandemia no ámbito da enxeñería ou os retos que afronta Galicia en materia de transporte.
O CGES eríxese como unha voz única da enxeñería galega, cales son os logros que alcanzaron para este momento?
O primeiro logro foi crear o propio Consello Galego de Enxeñerías (CGES), no que nos asociamos os colexios de Enxeñeiros superiores de Galicia. Darnos conta de que temos moito en común e de que unidos poderiamos dar mellor servizo aos nosos colexiados e á sociedade galega, foi moi importante. Froito desta unión elaboramos conxuntamente documentos tan importantes como o de ‘Medidas para o Impulso Económico de Galicia’, ou as observacións conxuntas a unha posible Lei de Arquitectura de Galicia.
Cales son as vantaxes de pertencer a esta organización?
A creación do CGES permitiunos reunirnos de maneira frecuente, o que nos achegou e permitiu que nos coñezamos, persoalmente e como institucións. Isto favorece as sinerxías e evita posibles malentendidos que puidesen producirse. Ademais, ter unha voz única, que representa a 6000 enxeñeiros superiores de Galicia, dáche moita forza. Realmente é unha asociación moi útil.
Recentemente presentaron unha bateria medidas para impulsar a economía, a transformación dixital e o avance cara a sociedades máis sostible, cal é o papel dos enxeñeiros no futuro das nosas sociedades?
Xa definín, ao principio desta entrevista, a proposta destas medidas como un dos principais logros do CGES. Cada día, a sociedade vólvese máis tecnolóxica. Para a xente máis nova, un mundo sen tecnoloxía sería inimaxinable. Con todo, non estamos moi lonxe no tempo, se falamos de Occidente, nin tampouco na distancia, se falamos doutros continentes, dos días en que comezou este desenvolvemento. Para manter e mellorar o noso nivel de vida, necesitamos enxeñeiros. Calquera cousa na que pensemos ten Enxeñería: o coche, o móbil, a auga, a electricidade, a medicina, etc.
Da pandemia xurdiron tamén aspectos positivos, entre eles, a conectividade
Que aspectos positivos pudieron xurdir no ámbito da enxeñería por mor da pandemia da COVID19?
Máis que de xurdir aspectos positivos por esta terrible pandemia, poderiamos falar das cousas positivas que puido achegar a Enxeñería para combatela. E son moitas. Durante o tempo de confinamento, os enxeñeiros colaboraron en que sigan funcionando os servizos básicos, como auga, luz, recollida de residuos, mobilidade, conectividade, e a loxística. Iso permitiu que o cidadán puidese afrontar estes duros momentos co mínimo de incomodidades. A conectividade, por exemplo, permitiu o teletraballo, que tan importante resultou. A construción só parou durante 15 días, permitindo manter centos de miles de postos de traballo. Como exemplo extremo, podemos falar de que para poder trasladar e conserva as vacinas, houbo que habilitar unha cadea loxística a nivel mundial e con temperaturas moi frías.
Cales foron os efectos máis negativos?
Ademais das desgrazas persoais, que afectaron ao noso colectivo, como a todos os demais, penso que o máis negativo foi o parón investidor en investigación e desenvolvemento, que veu provocado pola necesidade de redirixir os investimentos a gasto social, imprescindible neste tempo.
O que hai que ter claro é que hai que conservar as estradas
Cales son os retos que afronta Galicia en materia de transporte e cal será a postura da enxeñería?
Galicia avanzou moito en materia de mobilidade. Tendo en conta a súa dificultade orográfica, e a súa distribución poboacional, creo que temos que estar satisfeitos. Pero isto non quere dicir que acabásemos. Aínda hai obras importantes que acometer ou terminar. No ámbito do ferrocarril, penso na chegada efectiva da alta velocidade a todas as capitais galegas, na conexión co corredor atlántico de mercadorías, na conexión ferroviaria con Ferrol, ou no desenvolvemento dun ferrocarril de proximidade. Na estrada, está a traballarse na seguridade, coas estradas que perdoan, na conclusión das autovías pendentes, como Santiago-Lugo, en preparar as futuras adaptacións á dixitalización e o coche autónomo, etc. No sector portuario, está a traballarse intensamente na súa potenciación, sendo importante a súa conexión ferroviaria, a relación porto cidade, e a dixitalización. No aeroportuario, hai que traballar nunha mellor xestión coordinada dos grandes aeroportos galegos. O conxunto de todo isto afecta á loxística, fundamental para a competitividade das nosas empresas.
En Galicia está a realizarse unha aposta pola mobilidade, por mellorar e unificar as estacións de autobuses e de trens, cales son os seguintes pasos e como se poden poñer en valor este tipo de actuacións?
Máis que de unificar edificios, debemos falar da aposta decidida pola intermodalidad: billetes compartidos, información clara e útil ao viaxeiro, conexións. É importante que o viaxeiro senta que realiza unha única viaxe, aínda que haxa cambios de modos de transporte. Que a estación de autobuses e a de tren estean xuntas, é unha boa axuda, pero hai que implantar a intermodalidad.
No ámbito ferroviario realizáronse grandes avances, que nos levaron á consolidación do tren de alta velocidade, que é xa unha realidade. Cales son, baixo a súa perspectiva, os fitos neste campo?
O tres de alta velocidade é unha realidade, pero non aínda en Galicia. Ou polo menos, non a partir de Ourense. Hai dificultades que resolver cos anchos de vía e os trazados. Pero entendo que a tecnoloxía fará que ao final teñamos horarios razoables de viaxe entre Madrid, e por exemplo A Coruña e Vigo. Ao redor das tres horas. Haberá que esperar aínda uns anos, e ao desenvolvemento de novos modelos de tren que poidan utilizar os distintos anchos de vía actualmente existente. Aínda así, tendo en conta a orografía galega, as obras de ferrocarril realizadas son verdadeiros fitos da Enxeñería, que quizais non valoremos suficientemente, por estar afeitos, afortunadamente, aos grandes proxectos que levan a cabo as empresas españolas.
A conservación das estradas abriu un debate público nos últimos meses, cales deberían ser as medidas para paliar o déficit na súa conservación?
O primeiro que hai que ter claro é que hai que conservalas. A degradación dunha estrada trae inseguridade aos condutores, pero ademais, a partir dun momento, conleva a súa ruína, coa consecuente perda do investimento realizado. O diñeiro necesario para a conservación da estupenda rede de estradas que gozamos no noso país ten que saír dalgún sitio, e non ser considerado un gasto, se non un investimento, pola mencionada seguridade e pola facilitación do transporte. Dedicar orzamento á conservación de estradas debería ser unha reclamación dos usuarios, que non son só os que viaxan por elas, senón todos os cidadáns que recibimos as mercadorías transportadas sobre elas. Probablemente, a cobranza dalgún céntimo polo seu uso fose unha boa solución, sempre que ese diñeiro repercutise verdadeiramente na súa conservación.
Que valoración fai do uso actual do transporte metropolitano en Galicia?
O transporte metropolitano está a mellorar moito en Galicia. A Xunta está a facer un verdadeiro esforzo de conectividade, cuns prezos moi reducidos para o pasaxeiro. Penso que da colaboración entre a Xunta e os concellos sairá un reforzamento do uso do transporte público, que será moi beneficioso. Non podemos esquecer que a evolución cara a un transporte menos contaminante é fundamental para a loita contra o cambio climático e para o benestar cidadán.
Enrique Urcola tamén é decano da Demarcación de Galicia do Colexio de enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos dende abril de 2018
Falemos do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos. En marzo recibiron a visita do presidente da autoridade portuaria da Coruña para sentar as bases da súa relación. Que tipo de colaboracións coordinarán proximamente?
Como xa o noso nome indícao, os portos son unha parte moi imparte dos nosos estudos e do noso desenvolvemento profesional. Os portos xorden da construción de abrigos no mar para os barcos. E a súa vida e utilidade veñen unidas á conservación das obras e ás súas ampliación e adecuación ás novas tecnoloxías. Todo se converte nunha única xestión, que engloba a explotación do porto e a súa construción. Por iso, a nosa relación con todas as autoridades portuarias galegas, así como con Portos de Galicia é magnífica. No caso concreto da Coruña, temos que agradecerlle ao seu actual presidente, Martín Fernández Prado, a súa visita á nosa sede na Coruña. Alí puidemos falar do estado das obras complementarias do Porto Exterior, da situación actual e futura do porto, dos seus accesos, e dos seus novos obxectivos. Foi unha reunión frutífera.
Que melloras implementaron nos últimos anos o Colexio Profesional de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia?
O Colexio de Enxeñeiros de Camiños é un colexio de ámbito nacional, con 27.000 colexiados, que ten demarcacións por Comunidades autónomas. No caso de Galicia, somos preto de 1.500 colexiados. Coa chegada da COVID-19 o Colexio implantou o teletraballo, para poder seguir prestando todos os servizos, e reforzouse a teleformación, coa creación dunha plataforma sobre moodle que pode dar servizo aos cursos organizados por todas as demarcacións. É un esforzo importante porque os avances na tecnoloxía, pola implementación da dixitalización da construción, están a requirir dos colexiados unha permanente actualización de coñecementos.
O Colexio de Enxeñeiros de Galicia puxo en marcha diversos cursos sobre enxeñería municipal, pensa que en Galicia os concellos realizan unha aposta firme pola consolidación destes profesionais e pola súa intervención como clave das novas urbes e municipios?
Pois con tristeza, teño que contestar que non. O Enxeñeiro de Camiños é o técnico que pola súa formación, mellor podería atender as necesidades municipais. Moitas veces pensamos no urbanismo como o único traballo dos técnicos municipais. E non é así. É a xestión dos servizos o que máis preocupa a un Alcalde. Os enxeñeiros de camiños son plenamente competentes en urbanismo, pero ademais son os enxeñeiros das infraestruturas: mobilidade, iluminación, abastecemento, saneamento, residuos, son todos campos onde o Enxeñeiro de Camiños podería achegar profesionalidade á xestión municipal. A nosa intención ao organizar os cursos, realizados con colaboración da FEGAMP foi trasladar esta realidade aos concellos galegos. Algo se conseguiu, aínda que menos dos esperado. Iso si, onde entrou un enxeñeiro de Camiños, xa non o deixaron saír.
Os Colexios Profesionais como Camiños Galicia son esenciais na defensa da profesión, cales son os principais retos que afrontan no seu día a día nesta materia?
En España, salvo que exista unha lei concreta, a competencia acredítase pola regra da liberdade con idoneidade. É dicir, todos poderíamos valer, pero temos que demostrar que sabemos facelo. A falta de traballo e a falta de coñecemento das Administracións, leva a que se contraten para os proxectos a técnicos sen a idoneidade necesaria, o que leva executar as obras non tan ben como poderían facerse. O Colexio, ao defender as competencias dos seus colexiados, o que fai realmente é defender á sociedade. Na obra pública, o diñeiro poñémolo todos e deberiamos buscar que se empregase da maneira máis eficaz e eficiente posible.
Cal é o grado de inserción laboral dos estudantes de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos?
Neste momento, practicamente total. Pasamos uns anos duros, cunha crise longa. Con todo, nestos momentos, o problema está na falta de profesionais da construción. Non somos un país moi previsor e deixamos que o sector perdese máis dun millón de postos de traballo. Agora hai que ver como somos capaces de dar resposta á demanda, que é crecente.
A Enxeñería de Camiños, Canais e Portos é unha carreira moi dura. Existe suficiente demanda para curasas esta titulacion?
Relaciono esta pregunta coa anterior. A crise da construción levou á diminución dos alumnos nas Escola. Houbo pouco traballo e mal remunerado, o que foi inxusto para o esforzo que os enxeñeiros novos han dedicado para a súa formación. Entendo que agora aumentará a matrícula nas Escolas, pero tardaremos anos en ver saír aos novos Enxeñeiros. Non podemos esquecer que a Enxeñería de Camiños é unha rama da enxeñería fundamental para o desenvolvemento do país, pois é a encargada do proxecto, execución e explotación das obras públicas, chamadas así porque nos afectan a todos: depuración, estradas, ferrocarrís, portos, abastecemento, adaptación ao cambio climático, etc.