O Consello Galego de Enxeñerías (CGES) vén de formalizar un convenio de colaboración coa Asociación Galega de Empresas de Enxeñaría e Consultoría (AGEINCO). O acordo establece diversas accións co fin de poñer en valor o sector da enxeñería na comunidade autónoma.
Adaptándose á realidade marcada por esta nova normalidade, a sinatura do convenio realizouse de xeito virtual entre o presidente do CGES, Oriol Sarmiento, e o seu homónimo en AGEINCO, Daniel Prieto, ante a secretaria desta asociación, Marta Gallego. Sarmiento amósase “satisfeito por ter asinado este acordo, xa que nos permitirá sumar esforzos a prol do recoñecemento e posta en valor do noso sector”.
No documento especifícanse accións como “promover a coordinación entre as diferentes ramas da enxeñaría en Galicia; avanzar na prospección da evolución científica e tecnolóxica do territorio galego; colaborar en todo tipo de organizacións no desenvolvemento e promoción da enxeñaría galega”, ou “contribuír ao perfeccionamento dos ensinos da enxeñaría e a formación no ámbito de Galicia”. Con fin de velar polo axeitado cumprimento dos acordos deste convenio de colaboración crearase unha comisión de seguimento formada polos secretarios xerais do CGES e AGEINCO, Pedro Calaza e Marta Gallego, respectivamente.