O Consello Galego de Enxeñerías (CGES) homenaxeou hoxe a tres dos seus decanos fundadores, que acaban de deixar os seus cargos nos seus respectivos colexios profesionais e tamén no CGES. Trátase de Ricardo Babío, exdecano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia e primeiro presidente do CGES; Ramón Bermúdez de Castro Olavide, exdecano do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e primeiro vicesecretario do CGES; e Javier Pamies Durá, exdecano do Colexio de Enxeñeiros Navais e Oceánicos e un dos primeiros vogais do CGES.

O recoñecemento tivo lugar esta tarde no Club Financeiro Atlántico da Coruña, nun acto ao que asistiu o presidente do CGES, Oriol Sarmiento, así como os actuais decanos e representantes dos colexios profesionais que integran o CGES. Sarmiento destacou e agradeceu o “gran empeño que os tres puxeron no seu momento para poñer en marcha o Consello, a primeira entidade deste tipo que temos as enxeñerías e que nos permite contar cunha voz común e forte” aos máis de 5.000 profesionais de alta formación e cualificación representados polos oito colexios profesionais asociados.

Ricardo Babío amosouse “moi satisfeito” por recibir esta homenaxe e por ter participado na creación do CGES, se ben precisou que “é un logro común de todas as enxeñerías”. O exdecano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia animou a “seguir potenciando esta asociación como actor para ter unha interlocución óptima coas Administracións e co conxunto da sociedade”.

Na mesma liña, Ramón Bermúdez de Castro considerou “unha sorpresa moi agradable” a homenaxe. O exdecano do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia afirmou que o CGES supuxo como gran avance “que as enxeñerías poidan afrontar problemas que teñen en común todas, por moi diferentes que aparentemente sexan”.

Javier Pamies tamén afirmou que o CGES “seguirá tendo o meu apoio e continuarei colaborando en todo o que sexa necesario”. O exdecano do Colexio de Enxeñeiros Navais e Oceánicos de Galicia pensa que “un dos pasos máis importantes neste tempo é a propia formación do Consello para que todas as enxeñerías traballemos por uns obxectivos comúns”. “Nestes primeiros anos de funcionamento establecéronse bases de colaboración que nos van permitir mellorar moito a situación dos enxeñeiros e enxeñeiras no futuro”, engadiu Pamies.

Homenaxe CGES

Homenaxe CGES

Os homenaxeados
Ricardo Babío Arcay foi o decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia entre abril de 2014 e abril de 2018 e foi o primeiro presidente do CGES, entre febreiro de 2016 e marzo de 2018. Desde 2006  exerce como xefe de servizo de proxectos e obras na Demarcación de Costas de Galicia, así como profesor asociado na Universidade da Coruña.

Ramón Bermúdez de Castro Olavide foi decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia entre 2005 e 2017. Titulouse na Universidade Politécnica de Madrid e realizou estudos de postgrao en Estados Unidos. Da súa extensa traxectoria profesional destacan os trinta anos en diferentes postos de responsabilidade no grupo Televés, no que se fixo cargo da expansión a nivel internacional.

Javier Pamies Durá é na actualidade vicedecano da delegación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos en Galicia. Foi decano desde 2014 ata novembro de 2017. Conta cun amplo percorrido profesional e desde 2015 ata a actualidade é o director da oficina de Vigo da empresa Ghenova Ingeniería.

Sobre o Consello Galego de Enxeñerías
O Consello agrupa os seguintes colexios profesionais de Galicia: Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, Colexio de Enxeñeiros Industriais, Colexio de Enxeñeiros Agrónomos, Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación, Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España, Colexio de Enxeñeiros ICAI, Colexio de Enxeñeiros Navais e Oceánicos e Colexio de Enxeñeiros de Montes.

O Consello Galego de Ingenierías naceu co principal obxectivo de potenciar o traballo interdisciplinar das diferentes enxeñerías en Galicia e de exponer as inquedanzas do sector ante os organismos públicos e privados. Entre os seus propósitos atópanse tamén avanzar na prospección da evolución científica e tecnolóxica en Galicia, desenvolvendo o I+D+i. A estes labores hai que engadir a elaboración de informes e dictames sobre os asuntos que se lle sometan a estudo por parte das Administracións, entidades, corporacións e persoas físicas e xurídicas radicadas en Galicia.