Escasamente un 25% de quen estuda algunha enxeñería son mulleres, mentres noutro tipo de titulacións universitarias representan unha maioría moi destacada, de predominio total. Trátase dun fenómeno xa histórico que parece ter unha corrección bastante lenta, desas que se logran a golpe de salto xeracional. Con todo, e aínda que poida que o punto de partida non fose moi alentador, sería tamén inxusto non recoñecer os grandes avances nas últimas décadas.
Testemúñao María Luisa Menéndez Miramontes, a primeira Enxeñeira de Camiños, Canais e Portos colexiada en Galicia. A presenza de mulleres “era certamente moi escasa cando eu fixen a carreira, fun a única da promoción, pero agora xa somos o 25% do total de colexiados galegos”, comenta.
Carla Chawla Fidalgo, Enxeñeira Naval e Oceánica, representa a seguinte xeración. Confirma que historicamente a presenza da muller na enxeñería e no conxunto de carreiras técnicas “foi minoritaria en comparación coa do home, mesmo na actualidade, aínda que a tendencia fose crecente”. Con todo, rexeita que hoxe poida seguir utilizándose o cualificativo de “escasa” porque “en todo o sector industrial, en postos tanto puramente técnicos como de xestión, a presenza das mulleres aumenta cada ano”.
A Enxeñeira Industrial Raquel Maquieira Diz, directora da delegación en Galicia de International Team Consulting, coida en cambio que si é axeitado falar de presenza escasa: “creo que aínda queda moito por facer e non se fomenta que a muller acceda a este tipo de profesións, de maneira que continúa sendo unha actividade eminentemente masculina”.
Para Edita de Lorenzo, vicedecana do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e vicepresidenta da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia desde 2017, trátase dun “feito histórico debido a moitos condicionantes sociais e culturais que debería ser revertido o máis pronto posible para a mellora deste ámbito, tan importante e decisivo no desenvolvemento dun país”. Tal como comenta, non hai outra alternativa que “aproveitar a diversidade, a riqueza que supoñen as diferenzas”, algo que “redundará no ben das tecnoloxías, da enxeñería e, por tanto, da sociedade”.
Acabar coas reticencias
Pero mantense algún tipo de reticencia feminina a estudar unha enxeñería? María Luisa Menéndez, que de 1989 a 2004 foi integrante da Xunta Reitora do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos ( CICCP) de Galicia, desménteo: “aínda que agora diminuíu a porcentaxe, na Escola da Coruña chegou a estar igualado o número de homes e mulleres”. Segundo precisa, o que sucede é que “a elección da nosa carreira ten unha relación directa cos períodos expansivos do investimento en obra pública e neste momento é obvio que non estamos nun ciclo investidor no sector”.
Maquieira, desde 2014 ata finais de 2017 delegada do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e na actualidade vogal da Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia, sinala que non se incentiva o suficiente que as rapazas se decanten por enxeñerías. “Debería fomentarse desde o colexio, xa nas primeiras etapas educativas, sen agardar xusto aos cursos previos á universidade, para que as nenas saiban o que é a enxeñería, que están plenamente capacitadas para desenvolver esta profesión e que poden atopar un campo moi aberto, moi polivalente, que che permite dedicarte a moitísimas actividades”.
Carla Chawla, que desenvolveu gran parte da súa actividade liderando proxectos punteiros a nivel internacional en Navantia e conta co Premio AINE 2015 á mellor traxectoria profesional de menores de 35 anos, salienta que a propia tendencia crecente de mulleres no sector da enxeñería é un factor que contribúe “a eliminar esas reticencias antigas que as aspirantes a estudos universitarios podían ter”.
Edita de Lorenzo, que é Comisionada de Vigo Tecnolóxico na Universidade de Vigo e profesora do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións na mesma institución desde 1998, ofrece a súa receita contra esas reticencias. “Fai falta coñecemento da enxeñería, desmitificación, achegamento; fai falta cambiar certos estereotipos froito da ignorancia e de situacións culturais previas”. Neste sentido, a que foi tamén directora da Escola de Enxeñería de Telecomunicación de Vigo entre 2009 e 2015 apunta ao “importante labor” de asociacións e colexios profesionais “na divulgación, na apertura a unha sociedade nova e chea de necesidades novas”.
Menéndez Miramontes explica que “esta é unha profesión marabillosa, os Enxeñeiros de Camiños españois somos os mellores Enxeñeiros Civís do mundo, estamos moi ben preparados e somos capaces de reinventarnos e adaptarnos ás circunstancias”. E iso é algo que, obviamente, saben valorar tanto mulleres como homes.
Chawla expón que a validez técnica ou de postos de xestión, organización industrial ou de índole comercial non distingue entre xéneros hoxe en día. “Déronse grandes pasos na procura da igualdade no sector -manifesta-, eu mesma son un exemplo de que a muller está tan considerada como o home en moitas empresas do noso país, liderando retos tales como ser enxeñeira de garantía nunha fragata para unha Mariña europea ou liderar como xefa de construción a transformación dun buque para a Mariña alxerina, postos que hai anos unicamente serían conducidos por homes”.
A conclusión é innegable: “a nosa sociedade está a cambiar, e aínda que obviamente quedan cousas por facer, as reticencias para estudar unha enxeñería e desenvolver unha exitosa carreira profesional para unha muller neste ámbito han de quedar completamente no esquecemento”, afirma Chawla.
Do “señorita, xamais aprobará” á valoración plena
No esquecemento non quedaron, nin deben facelo, as discriminacións vividas ao longo dos anos. Menéndez Miramontes conta o que lle sucedeu nada máis sentar na aula da súa facultade. Eran tempos grises, senón negros. Na súa mente aínda resoan as palabras que lle dirixiu un catedrático: “señorita, para min é incompatible o concepto de muller co de Enxeñeiro de Camiños, polo que xamais aprobará esta materia”.
A primeira colexiada de Galicia, Medalla ao Mérito do CICCP en 2015, confesa que se contivo para non replicar cunha barbaridade similar. “Milagrosamente, contesteille, moi tranquila: ‘xa veremos’, e xa vimos”, comenta. Durante a carreira aínda se atopou con máis escenas así e logo “ao empezar o exercicio profesional en obra os contratistas eran un pouco reticentes, pero pronto o foron asimilando”.
Carla Chawla xa non viviu capítulos tan grotescos. Asegura que tivo “a gran sorte de desenvolver a miña carreira profesional nunha empresa na que non se dan situacións de discriminación” e na que a dirección “valora a valía da persoa e non o seu xénero”. Con todo, matiza que o seu día a día é o dun traballo que ata a súa xeración estaba dominado por homes e no que trata con Mariñas e empresas de todo o mundo. Así que “mentiría se digo que non me vin nalgunha situación machista, pero das que por suposto saín airosa sen engurrarme o máis mínimo”.
Edita de Lorenzo non se atopou con feitos que se poidan catalogar como discriminación, pero “é fácil ver situacións de diferenza, de trato distinto por razón de xénero en moitas situacións cotiás, incluído tamén o ámbito profesional”, relata.
Tampouco Raquel Maquieira padeceu ningunha discriminación, máis alá dalgunha “reticencia” por parte dalgún profesor, nunha promoción na que era a única muller. E xa na actividade profesional “a verdade é que sempre atopei moi bo trato e nunca me sucedeu que contrataran un home e non me contrataran a min por ser muller”.
O combate do machismo require unha forte dose de optimismo e mesmo de desprezo, de non engurrarse. Chawla, vogal desde 2009 no Colexio de Enxeñeiros Navais e Oceánicos de Galicia, queda co positivo da evolución social. “Sempre quedan persoas reticentes ao cambio -describe-, ás que lles custa que o seu traballo sexa revisado por unha muller ou que non cren que teñan as súas mesmas capacidades nun posto determinado, pero o que é intelixente quere rodearse dos mellores indistintamente do sexo, o resto son uns mediocres e esas persoas son as que menos han de preocuparnos”, valora.
O mercado laboral e o futuro
Veo así o mercado laboral ou dáse un dualismo con perfís de postos diferentes para enxeñeiros e para enxeñeiras? María Luisa Menéndez “quere crer” que non. Aínda que recoñece que a súa perspectiva é a de quen se dedicou ao exercicio libre da profesión, na súa propia empresa, considera que “o que se require é preparación, responsabilidade, eficacia, ilusión e aceptación do destino xeográfico”.
Para a Enxeñeira Industrial Raquel Maquieira non se valora o xénero, senón que o mercado laboral no seu ámbito “fundaméntase na especialización que teñas porque é unha carreira multidisciplinar na que valoran a traxectoria e a experiencia que reúnas no posto que se trate de cubrir”, afirma.
Tampouco Carla Chawla considera que exista un vicio de tal calibre no mercado laboral. Percibe que o que se valora é a capacitación e que “aínda que quedan pasos por dar, o avance da muller é patente”. “Na xeración dos meus avós -engade- era impensable que unha muller tivese un posto por encima dun home, e na actualidade cada día hai máis mulleres que presiden ou dirixen unha compañía ou que forman parte dun comité de dirección de empresas no que ten por baixo na cadea de mando a moitos homes”.
Desde o ámbito da Enxeñería de Telecomunicacións, Edita de Lorenzo sintetiza que “o mercado laboral precisa persoas intelixentes que acheguen riqueza, variedade, diversidade de opinión e que poida dar solucións aos retos que nacen cada día”. Todo iso partindo da premisa de que “a sociedade múltiple é máis rica e crece mellor, e o mesmo pódese dicir, débese dicir da enxeñería”.
Cara a onde imos? Para María Luisa Menéndez a evolución é “sen dúbida positiva”. Carla Chawla conclúe que “estamos máis preto” de que á hora de valorar un perfil profesional non exista ningún tamiz de xénero. “Alcanzar a igualdade non foi nin é un camiño fácil e, aínda que aínda non chegamos ao final, está próximo” porque se abriu paso a capacitación profesional por encima de calquera cuestión de xénero.
Mentres, Edita de Lorenzo é máis cauta: “estamos nunha situación de cambio social, pero que modifica moi lentamente os prexuízos e as visións da mocidade, que segue escollendo profesión dun modo moi condicionado por estereotipos e cunha gran desinformación”, manifesta. E advirte: “os números falan de evolución moi lenta nalgúns indicadores, pero tamén de estancamento e ata de retrocesos en condutas e comportamentos”.