O prazo para inscribirse na viaxe a Xapón que organiza o Consello Galego de Enxeñerías amplíase ata o 6 de agosto. Poden participar todas as persoas que estean colexiadas en calquera das entidades que conforman o CGES. Contan cun desconto de 60 euros, para o que hai que identificarse como colexiado ou colexiada do CGES en calquera oficina de viaxes de El Corte Inglés. É obrigatorio contar con pasaporte español cunha validez mínima de seis meses.
A viaxe está programada entre o 26 de setembro e o 5 de outubro de 2018. Son oito noites e dez días con visitas ás cidades de Osaka, Nara, Kioto, Hakone, Kamakura e Tokio. A saída farase en grupo desde Galicia. Un autobús recollerá aos participantes na Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo para trasladalos a Oporto. Desde o aeroporto da cidade portuguesa embarcarán nun voo de liña regular con destino a Osaka, vía Munich. O voo de regreso entre Tokio e Oporto efectuarase via Frankfurt. Desde O Porto as persoas que participen volverán en autobús ao seu punto de orixe.
A viaxe ten un prezo de 2.950 euros por persoa en habitación dobre. O suplemento de habitación individual ascende a 576 euros. Este importe inclúe o autocar de ida e volta do aeroporto do Porto, o servizo de guía acompañante do Corte Inglés especialista en Xapón durante toda a viaxe, os billetes de avión en clase turista, as estancias nos hoteis de catro estrelas con almorzo buffet incluído, as visitas ás diversas cidades con guías locais de fala hispana e as entradas detalladas incluídas, a cea e as catro comidas das excursións programadas, os desprazamentos en autocar e tren bala programados, un seguro de viaxe que cobre gastos de anulación por causas xustificadas de ata 2.800 euros e gastos médicos de ata 15.000 euros por persoa, IVE e diversas taxas.
O prezo non inclúe extras en hoteis como servizos de lavandería e teléfono, os billetes de metro necesarios para as visitas realizaadas con guía acompañante do Corte Inglés, a entrada á Torre de Tokio -que abonará cada persoa directamente ao prezo oficial durante a visita con guía acompañante-, e calquera outro servizo non especificado no itinerario contratado. O número de prazas para esta viaxe é limitado. A saída está condicionada á formación dun grupo mínimo de 30 persoas. Precísase un depósito de 800 euros por persoa para garantir a praza. O resto do pago pódese efectuar co cartón do Corte Inglés a tres meses sen intereses ou con outro prazo e os intereses que marque a financeira.