A sé do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia acolleu esta semana unha Xornada de Desenvolvemento Profesional e Marca Persoal. A cita, en cuxa organización colaborou o Consello Galego de Enxeñerías, congregou a preto de 20 asistentes.
A sesión foi impartida por Manuel Rego, fundador da empresa Wit Talento, e Fernando Tojo. Ambos aportaron algunhas claves para a busca do emprego que mellor encaixe coas aptitudes e actitudes de cada persoa. Neste senso, entregaron a cada un dos asistentes o test DISC (Dominancia, Influencia, Estabilidade e Conciencia). A través desta ferramenta, composta por unha batería de preguntas moi específicas, os interesados poden averiguar cales son os seus puntos fortes e débiles.
Esta ‘radiografía’ da propia personalidade axudará a guiar aos interesados a completar un estudo dirixido ao posto ideal ou ao desenvolvemento dunha marca persoal que os distinga doutros. Precisamente estos detalles son os que traballa a empresa Wit Talento, especializada no desenvolvemento persoal e profesional, así como en procesos de coaching. Dende esta firma promoven o autocoñecemento, a visión de cambio, a definición do modo de vida, valores e guía de ilusións para os seus clientes.
Todo isto persegue, tal e como indicaron na xornada no CICCP de Galicia, o obxectivo de establecer unha liña clara sobre cára onde quere ir a persoa, sempre dende unha perspectiva positiva e construtiva. Isto complementaríase cun Plan de desenvolvemento persoal e profesional, reforzado co Programa Conecta, unha ferramenta específica creada dende Wit Talento para axudar aos seus clientes a alcanzar os seus obxectivos tanto profesionais coma persoais.
Os asistentes amosáronse moi interesados nos detalles sobre a creación da marca persoal e na importancia de contar cunha liña clara de acción para conseguir as metas plantexadas. Unha base para seguir na senda dunha mellora contínua.