“É preciso lembrar que a primeira Escola de Informática de España xurdiu como un spin off da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación de Madrid. Podemos interpretar este feito como que os telecos somos os pais da informática no noso país e iso lexitímanos aínda máis para reivindicar o noso papel no eido dixital”. Son palabras do decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), integrante do Consello Galego de Enxeñerías (CGES), durante a súa intervención na Noite Galega das Telecomunicacións, celebrada o pasado venres no Hotel Pazo Los Escudos de Vigo.
No acto, que contou coa participación do alcalde da cidade olívica e do delegado da Xunta en Vigo, case 300 asistentes (a meirande parte deles, telecos) quixeron por en valor o seu papel no campo da transformación dixital. “Precisamente contribuír a este posicionamento constitúe un dos obxectivos do noso mandato”, dixo Sánchez Agrelo, que vén de cumprir un ano á fronte do Colexio e da Asociación. “Neste tempo, traballamos especialmente na dirección de tentar que se asocie o noso colectivo a ámbitos de actividade propios do mundo dixital como poden ser o da ciberseguridade, o das redes neuronais, o da intelixencia artificial, o do machine learning ou o do Big Data.
Os telecos cara á enxeñería do coñecemento
Precisamente, en torno ao Big Data estivo centrada este ano a temática da Noite Galega das Telecomunicacións, que levou como lema Big Data: os telec@s cara á enxeñería do coñecemento e foi presentado polo actor e monologuista, Federico Pérez. “Malia que moitas veces se nos encadra en sermos os mozos das antenas, son moitos os ámbitos de actividade a cuxo desenvolvemento os telecos estamos contribuíndo”, apostilou Sánchez Agrelo.
A respecto do Big Data, o decano salientou que “do mesmo xeito que Internet mudou radicalmente o planeta ao engadir a compoñente de comunicación aos ordenadores, o Big Data revolucionará diversos aspectos fundamentais da nosa vida cotiá, cunha dimensión cuantitativa nunca antes vista e que pode ser especialmente útil en ámbitos tan diferentes como o científico, o empresarial ou o social”.
Papel de Vigo
Xunto a isto, puxo en valor o papel de Vigo como sede da Escola de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, un centro que neste 2018 cumpre 33 anos. “Son xa 24 as xeracións de enxeñeiros de telecomunicación e oito as de grado que se formaron nas súas aulas”, manifestou o decano. “E, por este motivo consideramos una honra que nesta edición a nosa gran Noite se celebrase nesta cidade”.
O máximo responsable do COETG valorou tamén o seu primeiro ano de mandato, sinalando que neste tempo o organismo que dirixe tentou abrirse máis aos cidadáns e a outros grupos de interese como empresas, universidades e administración. “Neste punto enmárcase, por exemplo, a sinatura dun convenio coa Amtega en materia de formación ou con outros colexios profesionais para que favorezan o uso das TIC nos seus ámbitos de actividade”.
Premios Galicia das Telecomunicacións 2018
No decurso do evento, realizouse a entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións 2018, promovidos polo COETG-AETG co respaldo de numerosas empresas do sector. O primeiro deles distinguiu o Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, galardón que este ano recaeu no proxecto Litter Drone, monitorización do lixo mariño empregando drons e análises de imaxe dirixido por Fernando Martín, profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Os membros do xurado valoraron a calidade e o grado de innovación tecnolóxica deste proxecto mediante o emprego de sistemas abertos e a participación efectiva de axentes implicados no eido da sustentabilidade ambiental.
O Premio Gradiant á Mellor Tese de Doutoramento Aplicada ao Sector TIC foi para David Vázquez polo seu traballo “Detection of image resampling and video encoding footprints for forensic applications”. Valorouse como razón determinante para outorgar esta distinción o reto tecnolóxico de alto nivel ao que dá resposta o traballo, que contribúe á análise forense de probas mediante o incremento da confianza nos contidos dixitais, as transferencias tecnolóxicas á empresas e a solicitude de patentes.
O Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións distinguiu o labor de Abanca. O xurado recoñeceu a utilización das TIC no proceso de transformación dixital da entidade financeira de cara a lograr unha banca máis áxil, próxima, transparente e innovadora.
O Premio Socio de Honra distinguiu a figura de Luciano Vidán, presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, polo pulo outorgado á entidade que dirixe en relación ao desenvolvemento de novas tecnoloxías que permiten mellorar e optimizar o traballo no eido sanitario.
Finalmente, Premio Enxeñeiro do Ano 2018 recaeu en Joaquín Lameiro pola súa exemplar traxectoria profesional e o seu fondo compromiso co desenvolvemento do sector das telecomunicacións no noso país. Enxeñeiro Superior de Telecomunicación pola ETSIT de Madrid, durante 38 anos desenvolveu a súa carreira profesional na industria das TIC e dos servizos de consultoría tecnolóxica.
Un esforzo colectivo
No seu discurso, o Enxeñeiro do Ano quixo por en valor labor como colectivo dos enxeñeiros de telecomunicación. “Un esforzo que, na nosa profesión antes e agora, non foi nin é patrimonio dun só, nin duns poucos”, asegurou Lameiro. “É o esforzo dun colectivo que traballou arreo nuns anos cruciais marcados por unha confluenciahistórica e ao que correspondeu levar á sociedade a mensaxe e o convencemento de que con esa revolución tecnolóxica as cousas xa non serían, nin se farían, nunca máis da mesma maneira”, afirmou.
“Traballando desde a iniciativa privada, tamén creando empresas, ou no exercicio libre da profesión, ou traballando desde as Administracións, ou nas operadoras que implantaron as infraestructuras que fixeron todo esto posible, e tamén, como no meu caso, traballando para organizacións moi focalizadas na informática e, en última instancia, multinacionais, o que estabamos a facer todos nós, cada un desde as posibilidades da sua actividade profesional, era, nun sentido moi concreto e definido, facer país, aquí, en Galicia”, finalizou.
Rápido avance da dixitalización
Pola súa banda, o delegado da Xunta en Vigo sinalou na súa intervención que “o rápido avance da dixitalización está a xerar unha demanda de novos perfís profesionais tanto no ámbito tecnolóxico como fóra del. Tendencias como o propio Big Data, a Intelixencia Artificial ou a Internet das Cousas requiren dunha especialización difícil de atopar”, sinalou o delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, quen incidiu en que é precisamente este un dos obxectivos da Axenda Dixital de Galicia 2020.
“Debemos impulsar as vocacións tecnolóxicas e facilitar a capacitación dixital noutros ámbitos para o que precisamos do compromiso conxunto da Administración, a Universidade e a empresa para adaptarnos ás novas demandas do mercado e equilibrar a demanda de novos perfís e a diminución de ocupacións tradicionais”, afirmou.
Entidades patrocinadoras
A Noite Galega das Telecomunicacións 2018 foi posible grazas ao respaldo dunha serie de empresas e organizacións tales como Amtega, Acuntia, Cellnex Telecom, CGES, Coremain, Emetel, Ericsson, Evere, Extreme Networks, Puntogal, Gradiant, Indra, Insyte Instalaciones, IPM, Itelsis-Fundación, Optare Solutions, Orange España, Palo Alto Networks, Grupo PSN, R, Retegal, Satec, Semi, Smartel, Escola de Enxeñería de Telecomunicación de Vigo, Telefónica, Televés, Tesec, Ufinet e Zener.