Os oito colexios superiores asociados ao Consello Galego de Enxeñerías (CGES) están a responder á crise xerada pola pandemia do coronavirus COVID-19 coa adopción de medidas en beneficio dos seus colexiados e colexiadas. Tres de esas medidas son comúns a todas as entidades colexiais:

  • o establecemento dunha atención telemática debido ás restricións propias do actual estado de alarma, co fomento da información a través das Redes Sociais
  • a suspensión dos cursos presenciais programados antes da pandemia e o incremento da formación en liña, potenciando os webinars gratuítos sobre diversos temas de interese
  • e a posta en marcha de medios de asesoramento aos colexiados sobre como lles pode afectar esta pandemia a nivel laboral e económico.

O Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos apostou polo teletraballo do seu persoal, fomentando a comunicación cos colexiados a través do correo electrónico (contacto@caminosgalicia.gal). Así mesmo, a través da súa páxina web ofrece diferentes recursos útiles para os colexiados para estes días: normativa, seguridade e saúde, formación, axudas…  A mediados de abril puxo a disposición dos colexiados a posibilidade de adquirir máscaras cirúrxicas a prezo de custe, en colaboración coa Xunta de Galicia, e tamén realizou unha enquisa para coñecer a influencia do COVID-19 na actividade profesional dos ICCP. No campo da formación, ademais de programar cursos de formación en liña, está a organizar unha serie de webinars con enxeñeiros de camiños  que traballan en sectores non tradicionais para estes profesionais. Máis información: www.caminosgalicia.gal

Quen tamén aposta polos webinars gratuítos é o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, que vén de pechar un ciclo sobre transformación dixital. O ICOIIG adaptouse ás novas circunstancias creadas polo COVID-19 informando aos colexiados a través dos seus Newsletter das novidades , así como ofrecendo asesoría legal e formación en liña para levar mellor estes días de confinamento.  De feito, na próxima quincena darán comezo media ducia de novos cursos (https://icoiig.es/blog/categoria/31/formacion/) . Todos os departamentos seguen funcionando con normalidade, xa que o persoal segue teletraballando en horario de 8:00 a 15:00 horas para garantir a actividade profesional do colectivo, como demostra a recente convocatoria das Distincións aos Proxectos Fin de Máster. A principios de abril,  ICOIIG tamén puxo en marcha unha enquisa para pulsar a opinión dos seus colexiados  e mesmo vén de convocar esta semana unha iniciativa para os fillos e fillas de colexiados: o primeiro Concurso de Debuxo, Vídeo e Relato Curto “Mi mamá/papá Ingeniero Industrial”. Máis información: www.icoiig.es

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia (COIAG) tamén implantou o teletraballo a todos os seus traballadores, atendendo aos colexiados de forma telefónica (604 075 153), a través de correo electrónico (coiagal@iies.es e secretariotecnico@agronomosdegalicia.org) e a través da nova plataforma de xestión colexial e de visado electrónico agronomos.e-gestion.es. Recentemente veñen de renovar a póliza do seu seguro de responsabilidade civil profesional, que inclúe importantes melloras debido a baixa siniestralidade amosada por este colectivo profesional que, sumado ao feito de agrupar a máis de 7.000 colexiados baixo unha mesma póliza, permitiu rebaixar nun 13% a prima que se paga xunto co visado de traballos profesionais.  Máis información: http://www.coiag.es/

Para o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación (COIT), o confinamento coincidiu coa celebración do primeiro centenario do título de Enxeñeiro de Telecomunicación, o que obrigou a celebralo a través dun evento virtual que tivo lugar o pasado 22 de abril baixo a lenda: “Conectando emocións”. Ante o estado de alarma, o Colexio pechou temporalmente as súas sedes e ofreceu como vías alternativas á atención presencial a telefónica (981 919 300 e 986 465 234) e vía e-mail (administración@coetg.gal e administracion@aetg.gal). Durante este tempo de corentena reforzouse o servizo de asesoramento xurídico-fiscal para os colexiados e mesmo se creou un servizo de biblioteca dixital para colexiados: un espazo virtual no que ler e escoitar libros, acceder a revistas e a numerosos contidos educativos. Ademais dos cursos de teleformación, durante o próximo mes de maio porá en marcha unha nova serie de cursos gratuítos para os familiares máis novos dos colexiados para introducilos no mundo da ciberseguridade e as súas implicacións. E ata o domingo 10 de maio está aberta a convocatoria dos XL Premios Enxeñeiros de Telecomunicación COIT-AEIT ás mellores teses doctorais, proxectos fin de carreira/traballos fin de máster e traxectorias académicas en Enxeñería da Telecomunicación. Máis información: https://www.aetg.gal/

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste (COIMNE) tamén pechou ao público as súas oficinas dende o pasado 16 de marzo. A atención individualizada aos colexiados lévase a través do teléfono 985 244 290 e do correo electrónico secretaria@coimne.es. Ante a situación de incerteza xerada pola situación actual, o Colexio acordou que a cota do segundo trimestre (abril, maio e xuño) será de balde para todos os colexiados en situación de desemprego ou en calquera modalidade de regulación de emprego. Unha bonificación que tamén se lles aplicou a todos os profesionais libres que tiveran unha importante diminución de ingresos a raíz da declaración do estado de alarma. Así mesmo, continúa mantendo a súa oferta formativa en liña, con dous cursos coa matrícula aberta nestes momentos: un de perito xudicial en prevención de riscos laborais e outro de introdución ao Lean Manufacturing. Máis información:  http://www.coimne.es/

O Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI (ICAI) tamén pechou fisicamente a súas oficinas, mantendo todos os servizos de forma telemática e no seu horario habitual, de 9:00 a 17:00 horas. O contacto cos colexiados segue manténdose igual: a través da dirección de correo icai@icai.es. O Colexio puxo a disposición dos seus colexiados unha “Guía de preguntas e respostas para situacións derivadas do COVID-19”, que é actualizada de xeito periódico por un despacho de avogados. Unha guía actualizada a 29 de abril e que inclúe seccións especiais sobre arrendamentos, autónomos, ERTE, moratoria hipotecaria e empregados do fogar. Así mesmo, un colexiado elaborou unha “Guía práctica en tempos do coronavirus para un consumo eléctrico eficiente e responsable”. Máis información: https://www.icai.es/

A Delegación Territorial en Galicia do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos (COIN Galicia) tamén pechou a súa oficina, mantendo os mesmos servizos a través do teletraballo. Os colexiados poden contactar a través do teléfono 981 372 200 e a través do mail galicia@ingenierosnavales.com no mesmo horario de sempre: de 9:30 a 14:30 horas. Dende a súa páxina web e a través das súas redes sociais, o COIN Galicia informa sobre a diferente oferta de formación en liña dispoñible, así como da normativa de interese a nivel autonómico e un clipping de prensa diario que recolle as noticias máis destacadas do sector naval na nosa comunidade. A nivel nacional, o Colexio puxo en marcha un Fondo de Desempleo para prestar axuda a aqueles colexiados que están en situación de desemprego non voluntario ou emprego insuficiente, ofrecendo empréstitos persoais de ata 1.500 euros/mes durante 1 ano e reintegrables nun prazo máximo de 5 anos sen intereses.  A maiores, puxo en marcha un Fondo de Solidariedade de axudas non reintegrables a colexiados e aspirantes, viúvas e orfos que se atopan nunha situación económica obxectivamente precaria ou insuficiente. Máis información: https://galicia.ingenierosnavales.com/

Finalmente, Delegación en Galicia do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Montes tamén acordou suspender a atención presencial nas súas oficinas e continuar coa prestación dos seus servizos de forma telemática, atendendo telefonicamente (91 534 60 05), a través da ventanilla única e do correo electrónico. Así mesmo, suspendeu o proceso electoral para a elección da Xunta de Goberno do Colexio. O próximo mes de maio ten previsto realizar unhas xornadas en liña de equipos de alto rendemento en teletraballo, que serán gratuítas e exclusivas para os seus colexiados. Un colectivo que está permanentemente informados das novidades en torno ao coronavirus grazas á creación dun “Especial COVID-19. Estado de alarma”, posto en funcionamento o 15 de marzo e que se vai actualizando permanentemente. Ademais, durante esta pandemia o Colexio tivo que saír defender a tarefa esencial dos enxeñeiros de montes contra o coronavirus, diante da “indefinición” do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico sobre “o carácter esencial das empresas do sector forestal na loita contra o COVID-19”.  Máis información: https://www.ingenierosdemontes.org/index.aspx