O decano do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Oriol Sarmiento, é o novo presidente do Consello Galego de Enxeñerías. Foi elixido nunha recente Asemblea Extraordinaria da entidade, celebrada na Coruña.
Sarmiento márcase como obxectivos principais “aumentar a visibilidade do Consello como voz única dos enxeñeiros galegos ante as administración e a sociedade en xeral”. O novo presidente parte da necesidade de “poñer en valor os enxeñeiros galegos como un dos grandes activos da nosa Comunidade, para a atracción de novos investimentos e polo seu rol fundamental para a transformación dixital”.
Ademais, Sarmiento sinala como unha liña de traballo desde o CGES o fomento da vocación para estudar enxeñerías. “Se non se fai, Galicia terá un importante déficit de profesionais en moi poucos anos”, advirte o novo presidente.
Agradecemento a Ricardo Babío
O novo responsable do CGES agradeceu o labor de Ricardo Babío, decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, como antecesor no posto. Oriol Sarmiento salienta que Babío desenvolveu “un liderado moi activo e rigoroso durante estes dous importantes anos”. Babío continúa como vicepresidente na dirección do CGES, e o decano do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos, Pedro Calaza, como secretario.
Sobre Oriol Sarmiento
Oriol Sarmiento é decano do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia desde xuño de 2014. É enxeñeiro da empresa ELINSA, dedicada á montaxe e mantemento de instalacións eléctricas e á fabricación de cadros eléctricos e de electrónica de potencia. Tamén é o editor da revista galega de enerxía ‘Dínamo Técnica’.
Sobre o Consello Galego de Enxeñerías
O Consello Galego de Enxeñerías naceu co principal obxectivo de ser a voz das diferentes pólas da enxeñería en Galicia, potenciando o traballo interdisciplinar e expoñendo as inquedanzas do sector ante os organismos públicos e privados. Esta entidade representa máis de 5.000 profesionais de alta formación e cualificación a nivel internacional.
Entre os seus propósitos atópanse tamén avanzar na prospección da evolución científica e tecnolóxica en Galicia, desenvolvendo o I+D+i. A estos labores cómpre engadir a elaboración de informes e dictámenes sobre os asuntos que se lle sometan a estudo por parte das Administracións, entidades, corporacións e persoas físicas e xurídicas radicadas en Galicia.
O Consello agrupa os seguintes colexios profesionais de Galicia: Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, Colexio de Enxeñeiros Industriais, Colexio de Enxeñeiros Agrónomos, Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións, Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España, Colexio de Enxeñeiros ICAI, Colexio de Enxeñeiros Navais e Oceánicos e Colexio de Enxeñeiros de Montes.