Enrique Urcola, decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, José Joaquín Troya, decano do Colexio de Enxeñeiros Navais, e Julio Sánchez Agrelo, decano do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións, en representación do Consello Galego de Enxeñerías, mantiveron unha reunión con Francisco Conde, vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, para sentar as bases dunha colaboración que impulse a recuperación económica de Galicia trala crise da Covid-19.
Nesta reunión, os membros do Consello Galego de Enxeñerías trasladaron unha batería de propostas de cara a mellorar a eficiencia da relación dos profesionais da enxeñería e da administración e de impulsar proxectos innovadores e con futuro para Galicia. O CGES aglutinou en 12 áreas temáticas un total de 121 propostas que recollen as prioridades e oportunidades que establecen as liñas a seguir para conseguir un futuro sostible en Galicia. Entre estas medidas destacan a dotación de recursos económicos para a investigación; a promoción da colaboración entre empresas e administracións; o fomento da incorporación dos enxeñeiros e enxeñeiras ao mercado laboral; os esforzos por acadar un novo modelo enerxético de cero emisións; a potenciación do uso de enerxías limpas; a habilitación de investimentos públicos en infraestructuras, entre moitas outras iniciativas relacionadas con economía, emprendemento, transporte e mobilidade, economía do coñecemento, industria 4.0., sociedade dixital ou construción. “O vicepresidente acolleu con moito agrado as nosas iniciativas e a nosa oferta para colaborar cos axentes implicados na recuperación económica desta crise”, sinalou Julio Sánchez, decano do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións.
Asemade, no marco deste encontro o representante da Xunta e os decanos destes colexios profesionais tamén abordaron o desenvolvemento da futura Lei de Reactivación Económica, coa que consideran que Galicia atraerá novos proxectos que contribúan á creación de riqueza e emprego na comunidade. A norma que prepara o executivo Galego pretende facilitar a labor de diferentes colectivos profesionais como o dos enxeñeiros e enxeñeiras para avanzar na simplificación administrativa. Francisco Conde explicou que a futura lei pivota sobre tres claves: a axilización administrativa, con puntos de atención ao investidor e a xeralización do silencio administrativo para a implantación de iniciativas, salvo disposición legal que especifique a necesidad de emitir unha resposta expresa.
O conselleiro de Economía invitou aos representantes do Consello Galego de Enxeñerías a visitar o IGAPE para profundizar en futuros proxectos de colaboración, xa que é o organismo que canaliza prácticamente todas as axudas e subvencións do sector económico da comunidade.