Integrantes do Consello Galego de Enxeñerías visitaron o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) da man da Fundación Ingeniería Civil de Galicia para coñecer de preto os labores de investigación que se desenvolven nas súas instalacións, punteiras no seu eido.

En concreto, exerceron como anfitrións desta visita o presidente da fundación, Juan Loureda, e o director da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Coruña, Ignasi Colominas. O CGES estivo representado polo seu presidente e decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Oriol Sarmiento, e polos decanos do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, Enrique Urcola, do Colexio de Enxeñeiros Navais e Oceánicos, José Joaquín de Troya, e do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación, Julio Sánchez Agrelo.

Visita CITEEC

No seu percorrido polas instalacións, pertencentes á Universidade da Coruña, diversos profesores e catedráticos explicaron con que equipamentos contan e que proxectos se desenvolven los laboratorios de Construción, de Enxeñería Hidráulica, de Portos e Costas e de Aeroelasticidade, no que dispoñen do túnel de vento de maior tamaño de toda España e que participa en Airbus no proxecto dun avión hipersónico.

O CITEEC foi fundado en 2000 co propósito principal de promover os estudos experimentais nas áreas de edificación e enxeñería civil e de desenvolver a investigación en colaboración con empresas do sector, consultoras e institucións públicas.

O centro conta na actualidade con seis grupos de investigación da UDC adscritos. En total suma 113 investigadores, dos que 9 pertencen ao Grupo de Estradas, Xeotecnia e Materiais, 8 ao Grupo de Ferrocarrís e Transporte, 34 ao de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente, 18 ao de Enxeñería da Construción, 16 ao de Mecánica de Estruturas e 26 ao de Métodos Numéricos en Enxeñería, así como dous investigadores individuais.