O Colexio de Enxeñeiros Industriais (ICOIIG), integrante do Consello Galego de Enxeñerías (CGES), celebrou a quinta edición dos PREMIOS GALICIA DE ENERXÍA na Coruña. Estes premios entréganse cada ano no marco da Noite da Enerxía, que se conceden a persoas e entidades que destacaron no campo da enerxía en Galicia nos últimos doce meses. Trátase dunha cita de referencia para o sector enerxético de Galicia.

A Noite da Enerxía chega á súa quinta edición convertíndose no evento do ano que congrega non só o sector enerxético da comunidade, senón tamén unha ampla representación dos axentes políticos, económicos e sociais da sociedade galega. O acto estivo presidido polo decano do Colexio, Oriol Sarmiento; o delegado da Coruña do ICOIIG, Francisco Bello; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato; o presidente da Diputación, Valentín González Formoso; e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro.

Oriol Sarmiento, como máximo representante da entidade colexial, comenzou a súa intervención reivindicando o papel do enxeñeiro industrial no presente e futuro de Galicia. Así mesmo celebrou a boa situación e perspectivas do sector enerxético en Galicia, facendo referencia a novos proxectos de enerxías renovables. O decano do ICOIIG instou a non caer no conformismo e fixo unha chamada “a apostar pola innovación no sector, aproveitando as oportunidades que xera a transición enerxética”. “Desde o Colexio cremos que cómpre resaltar o importante papel dos enxeñeiros industriais sempre ao servizo da sociedade tanto no sector enerxético como promovendo proxectos desde a innovación”

Pola súa parte, o delegado da Coruña, Francisco Bello, abriu o acto celebrado este ano na cidade herculina -trátase dunha gala itinerante polas principais urbes galegas-  e lembrou que o sector enerxético enfróntase a importantes retos que van producir unha importante transformación. Citou como exemplo estudos recentes que vaticinan que en Europa superaremos a barreira do millón de coches eléctricos no ano 2022, o que implica o desenvolvemento de plataformas integrais para a recarga destes vehículos, entre outros retos. “Os enxeñeiros industriais, profesionais versátiles e críticos afrontarán sen dúbida este reto”, engadiu Bello.

As entidades, profesionais e empresas galardoadas foron:

  • PREMIO ACTUACIÓN DE SENSIBILIZACIÓN E DIFUSIÓN EN MATERIA ENERXÉTICA

O premio á mellor actuación de sensibilización e difusión en materia enerxética foi para a Deputación da Coruña pola campaña de sensibilización en materia de aforro e eficiencia enerxética nos concellos da provincia da Coruña, da Fundación Axencia da Enerxía da Provincia de A Coruña (FAEPAC).

  • PREMIO MELLOR PROXECTO EMPRENDEDOR

A Ingeniería Flinq foi a gañadora do mellor proxecto emprendedor co Proyecto Munic.

  • PREMIO MELLOR PROXECTO DE ILUMINACIÓN

O premio ao mellor proxecto de iluminación foi para o Proxecto Talo, da empresa SETGA.

  • PREMIO MELLOR PROXECTO DE INNOVACIÓN

O Proxecto Xestor Enerxético Energy Manager de Ecoforest geotermia mereceu o premio de mellor proxecto de innovación.

  • PREMIO MELLOR PROXECTO DE ENERXÍAS RENOVABLES

O premio ao mellor proxecto de enerxías renovables correspondeu á ampliación da unidade de produción hidroeléctrica formada polas centrais de Santo Estevo e San Pedro, de Iberdrola.

  • PREMIO MELLOR PROXECTO DE EFICIENCIA ENERXÉTICA

Proyecto Enerwater, da Universidade de Santiago de Compostela.

  • PREMIO EN COMUNICACIÓN EN MATERIA ENERXÉTICA

O premio en comunicación en materia enerxética foi para Manuel Barral, xornalista de La Opinión de A Coruña.

Pola súa parte, o xurado destacou o elevado nivel dos proxectos presentados, a calidade formal e conceptual das candidaturas así como o alto nivel dos proxectos do sector da enerxía que se levan a cabo en Galicia.