O Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia organiza un ciclo de conferencias en liña sobre enxeñeiros de camiños que están a traballar en sectores non tradicionais. Unha iniciativa que dará comezo este xoves 23 de abril, ás 18:00 horas, con Antonio Loureda Santidrián, enxeñeiro de camiños, canais e portos pola ETSICCP de A Coruña e MBA por INSEAD que dende 2017 é Senior Program Manager en Amazon UK.

A charla desenvolverase a través da plataforma ZOOM e constará dunha presentación na que Antonio Loureda falará da súa traxectoria profesional antes do seu posto actual, da súa entrada en Amazon e dos desafíos laborais aos que se enfronta a diario. Así mesmo, falará de Amazon, centrándose nos departamentos e postos que están máis vencellados á loxística e operacións. Ademais, describirá que habilidades dun enxeñeiro de camiños, canais e portos resultan de interese para os perfís profesionais que busca Amazon na actualidade.

As persoas que asistan á charla, de aproximadamente dúas horas de duración, poderán efectuar preguntas a través do cuestionario de inscrición ou a través do chat da aplicación. As inscicións son de balde pero deben realizarse a través deste formulario antes das 20:00 horas do mércores 22 de abril.