O Consello Galego de Enxeñerías (CGES) forma parte das entidades patrocinadoras da XXX edición da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, a gran cita anual organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.

O evento celebrarase o vindeiro 29 de maio de 2026 no Museo de La Voz de Galicia, na Coruña, reunindo a destacadas entidades, empresas e profesionais do sector TIC galego nun importante encontro de networking e posta en común arredor dos retos e oportunidades tecnolóxicas actuais.

Baixo o lema “Defensa invisible”, esta edición quere poñer o foco no papel esencial das telecomunicacións como infraestrutura estratéxica para garantir a seguridade, a coordinación en tempo real e a protección fronte aos ciberataques. Ademais, saliéntase a súa relevancia no impulso de tecnoloxías clave, na xeración de emprego cualificado e no fortalecemento da soberanía tecnolóxica.

Desde o CGES quérese destacar a importancia de apoiar iniciativas que contribúan ao desenvolvemento tecnolóxico e á valorización da enxeñería en Galicia, favorecendo espazos de colaboración entre institucións, profesionais e empresas dun sector fundamental para a transformación dixital da sociedade.

No marco da gala entregaranse tamén os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2026, que recoñecen o labor de empresas, profesionais e entidades comprometidas co progreso tecnolóxico de Galicia. Entre as categorías convocadas figuran o Premio Enxeñeiro do Ano, o Premio Socio de Honra, o Premio Amtega ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais e o recoñecemento ao Mellor Expediente Académico do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo.

A participación do CGES nesta edición reafirma o compromiso da entidade co impulso da innovación, o coñecemento técnico e o fortalecemento do ecosistema tecnolóxico galego.