O Consello Galego de Enxeñerías mostra a súa satisfacción polas sentencias do Tribunal Supremo, que sentan xurisprudencia, sobre o acceso a prazas de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos en administracións públicas. Segundo esta resolución se a praza ofertada está destinada a este corpo concreto, ostentar o título de grao non é suficiente para aspirar a elas senón que sería necesario poseer o título previo á implantación do Plan Bolonia ou cursar ademais o máster actual que complementa os estudos de grao

Esta decisión xudicial apoia a tese que defende o Consello Galego de Enxeñerías co obxectivo de protexer aos enxeñeiros e tamén ao entramado social sociedade, garantindo que os postos ofertados se cubran coas persoas tituladas que posúan a formación necesaria.

O estatuto que regula o acceso á función pública  establece no articulo 76 que para ingresar nos corpos e escalas do grupo A se esixirá o título de grado salvo naqueles supostos  que a lei esixa outro título. Dende a implantación do Plan Bolonia nas universidades españolas, os enxeñeiros e enxeñeiras estiveron loitando porque se manteña a diferenza entre enxeñeiro técnico –tres anos de carreira, que equivale a unha diplomatura- e enxeñeiro superior –entre cinco e seis anos de carreira, similar a unha licenciatura-. O novo plan de estudos une ambas modalidades de forma que os novos enxeñeiros cursan, ao igual que o resto de universitarios, un grao de catro anos. En base ás sentencias do Tribunal Supremo, só son equiparables se ademais se cursa tamén o máster.