Oriol Sarmiento reivindicou “o papel dos enxeñeiros na revolución dixital que estamos vivindo” e destacou “a importancia da enxeñería para o progreso de Galicia a través da innovación e o coñecemento”

O Consello Galego de Enxeñerías (CGES), asociación integrada por oito colexios profesionais galegos de enxeñerías reguladas, presentou hoxe na Coruña un documento con 107 medidas para o desenvolvemento de Galicia, agrupadas en 20 liñas estratéxicas. Un acto que foi clausurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acompañado da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

PresentacionCGES2

O presidente do CGES, Oriol Sarmiento Díez, explicou que “este documento é un compendio de medidas para transformar Galicia dende a enxeñería”. O traballo recolle un total de 107 medidas e oportunidades que os enxeñeiros galegos consideran que poden supoñer un elemento de competitividade e desenvolvemento para Galicia: I+D+i, TIC, Industria 4.0, enerxías limpas, construción sostible, industria da auga, minería sostible, naval… “medidas para transformar Galicia, para cambiar Galicia porque se hai unha profesión que leva no seu ADN o cambio é a enxeñería. Temos os coñecementos, as capacidades, a disposición e o compromiso para cambiar Galicia”.

Neste sentido, Sarmiento Díez reivindicou “o papel dos enxeñeiros na revolución dixital que estamos vivindo”. Lembrou que o CGES representa a máis de 5.000 profesionais de alta formación e cualificación a nivel internacional, dispostos e preparados para resolver problemas. “Calquera sociedade necesita aos seus enxeñeiros para progresar. Por iso é fundamental que Galicia aposte pola innovación e o coñecemento, por reter o talento e fomentar as vocacións en enxeñería entre os novos e as mulleres”.

Vinte temáticas

Pola súa banda, o presidente da Xunta defendeu hoxe que as propostas presentadas polos enxeñeiros galegos servirán para continuar traballando en liñas que fagan progresar a Galicia. Feijóo subliñou que con este documento, os enxeñeiros galegos referendan o seu compromiso non só coas estruturas que idean e fan realidade cada día, senón tamén coa vertebración do territorio.

O presidente explicou que este texto foi xa trasladado á Consellería de Facenda, a efectos de que se tome nota das propostas e as inclúa no Plan Estratéxico 2020-2027, para afrontar os retos dos vindeiros anos e chegar á Galicia de 2030 que todos os galegos queremos. Non en van, aseverou que con actos coma este Galicia demostra que ten o seu propio modelo, que pode ser punteira en diversos sectores, moitos deles nos que a enxeñería ten un papel preponderante. “Demostramos que temos a nosa propia fórmula de progreso, que non consiste en imitar a ninguén, senón en ser a mellor versión de nós mesmos” abundou, incidindo en que a transformación de Galicia é froito do traballo de todos.

Contido do documento

Os representantes dos colexios (salvo do ICAI, cuxo decano escusou á súa presenza)  foron expoñendo as distintas medidas do documento (que se pode descargar aquí):

Juan Picos Martín, decano da Demarcación de Galicia do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Montes, destacou que “achegamos medidas para poñer en valor dous terzos do territorio de Galicia”, destacando que é necesario poñer en marcha un plan estratéxico sobre a propiedade forestal dirixido a incentivar o aproveitamento en común das infraestruturas e a comercialización dos produtos forestais.

José Joaquín de Troya Calatayud, decano da delegación territorial de Galicia do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais, destacou que “temos un estaleiro de primeira liña, Navantia Ferrol, que se está preparando para o reto de construír as fragatas 110 e que ten que facer unha transformación dixital. E isto fará de efecto tractor das empresas auxiliares”. Ademais, anunciou que, a raíz da actividade en Barreras, organizarán unhas xornadas especializadas na construción de cruceiros para “analizar as fortalezas e debilidades do sector naval galego para afrontar a construción de cruceiros de gran luxo”.

Juan José Iglesias Suárez, decano da Delegación de Galicia do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, destacou que a achega da entidade vai dirixida especialmente a “adaptarnos ao ritmo de cambio que nos impuxemos porque, mais que transición enerxética, é unha revolución”. Así mesmo, consideran interesante unha lei de bases da industria extractiva para regular a actividade e fomentar as inspeccións cualificadas e continuas para asegurar as boas prácticas, de forma que se usen as mellores técnicas dispoñibles e con especial atención á seguridade, á saúde e ao medioambiente.

Julio Sánchez Agrelo, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, destacou que “as tecnoloxías da información e da comunicación son unha disciplina transversal no resto de enxeñerías e na sociedade. Propoñemos medidas que impulsen a creación dunha importante industria das telecomunicacións e das tecnoloxías da información en Galicia que atraia inversións de empresas foráneas”. Sánchez Agrelo sinalou que “modelos de desenvolvemento TIC como o de Irlanda ou de implantación dixital como Estonia deben ser o noso obxectivo en Galicia. E podemos conseguir que Galicia se converta nunha comunidade líder en telecomunicacións e tecnoloxías da información”.

Alejandra Álvarez de Mon, secretaria do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, considerou “imprescindible unha política de ordenación territorial para o rural que reduza a súa fragmentación, mellore o seu aproveitamento agrario e o dote dos equipamentos e servizos necesarios.” Álvarez de Mon salientou que “o medio rural galego apostou pola calidade como elemento distintivo dos seus produtos” pero que “a tradición debe ir acompañada pola revolución tecnolóxica”.

Enrique Urcola Fernández-Miranda, decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, destacou que “as infraestruturas vertebran o territorio e fan posible o desenvolvemento económico”. Por iso aplaudiu o apoio da Xunta de Galicia á execución do Eixo Atlántico ferroviario, “que situará Galicia onde lle corresponde”. Finalmente, Enrique Urcola apuntou que “hoxe, Día Mundial da Auga, temos que destacar que en Galicia pensabamos que non necesitabamos ningún tipo de actuación porque había suficiente. Sen embargo vemos cousas moi distintas: temos inundacións e secas. E a enxeñería debe esforzarse tanto por prever esas incidencias como en almacenar ese auga e tratala correctamente”.

Finalmente, Julio García Cordonié, secretario do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, apostou por impulsar a industria en Galicia ata chegar ao 20% do PIB, xa que se trata do motor do crecemento e garantía dun emprego estable e de maior calidade; e impulsar a súa transformación en Industria 4.0, “unha industria máis flexible e con capacidade para dar resposta a unha demanda especializada”. Así mesmo, puxo de manifesto que “vivimos unha cuarta revolución industrial propiciada por Internet e as tecnoloxías da información. A designación do ICOIIG como unha das Oficinas de Transformación Dixital permitiranos achegar ás pemes galegas as tecnoloxías e os coñecementos necesarios para afrontar con éxito os desafíos da dixitalización”.