A cita, organizada polo COITG, membro do CGES, contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. O titular do Executivo galego ratificou o compromiso coa transformación dixital de Galicia promovendo o acceso de todos os galegos e impulsando novos perfís profesionais.
Arredor de 300 profesionais e empresarios do sector participaron o pasado 29 de setembro na Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Unha cita organizada polo membro do Consello Galego de Enxeñerías (CGES), o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (COITG) e pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, e que pretende pór en valor o talento vinculado ao eido das telecomunicacións.
A velada, que se desenvolveu no Palexco da Coruña, contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen ratificou o compromiso do seu Goberno coa transformación dixital na comunidade autónoma promovendo o acceso de todos os galegos e impulsando novos perfís profesionais. O presidente galego lembrou que o sector tecnolóxico experimentou no 2015 o maior incremento de empresas do último lustro e que, en 2016, superou, por primeira vez, os 16.000 empregados. Trátase, nas súas verbas, “dun sector que cada vez xera máis riqueza e máis postos de traballo cualificados”.
Pola súa banda, o decano do COITG, Julio Sánchez Agrelo, indicou que “só dende a unión podemos avanzar e afrontar con éxito os grandes retos que se nos presentan cada día, como son, entre outros, a ciberseguridade e o big data. Ou facémolo nós, ou alguén o fará por nós”, concluíu. Ademáis, Sánchez Agrelo apuntou que “o noso obxectivo é vertebrar aos profesionais das TIC, comezando pola integración, no Colexio e na nosa Asociación, de todos os enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia”.
No transcurso da gala foron galardoados profesionais e empresas: Enxeñeiro do Ano, Paulino González; Socio de Honra, Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia; Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC, Situm Technologies; GRADIANT á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC, Alejandro Ramos Soto; ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en colaboración coa Amtega, Balidea Consulting & Programming; ó mellor expediente académico do Máster en Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo, Víctor Manuel Segura Sieiro; e o Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, FINSA.
No nome dos premiados interveu o Enxeñeiro do ano, Paulino González, quen subliñou que volvendo a vista atrás, “les puedo decir que ha sido una satisfacción ejercer como Teleco. Si volviera a nacer, volvería a elegir, sin lugar a dudas, esta maravillosa profesión”.