O Consello Galego de Enxeñerías (CGES) patrocina a celebración do III Congreso Internacional de Enxeñería Civil e Territorio. Conservación e Xestión da Obra Pública. Cidade e Territorio, que se celebrará os próximos 19 e 20 de outubro en Vigo. Esta cita está organizada polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia e pola Ordem dos Engenheiros Regiao Norte (Portugal).
As sesións de traballo que se ofrecerán durante as dúas xornadas do tamén VIII Encontro da Enxeñería centraranse en tres grandes bloques temáticos. Estos son: O Transporte, o Medio Ambiente e o Espazo Público Cidadán. Para consultar o programa de actos previsto para este congreso, preme neste enlace para visualizar todo o contido.
Polo de agora, o Congreso ten aberto o prazo de presentación de comunicacións, que se deberán enviar antes do 15 de abril de 2017. Segundo se especifica dende a organización, as comunicacións recibidas en data, revisadas e admitidas publicaranse no Libro de Actas do Congreso, que será entregado aos asistentes xunto co resto da documentación. O Comité Técnico elexirá, para cada sesión, as comunicacións que serán presentadas polos seus autores durante o congreso. Os autores disporán de 10 minutos para a súa presentación aos asistentes. Aquelas comunicacións que non sexan escollidas, serán resumidas por un relator nomeado pola organización.