O Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), membro do Consello Galego de Enxeñerías (CGES), vén de convocar a V edición dos Premios Galicia de Enerxía. Trátase duns galardóns cuxo principal obxectivo é “recoñecer as mellores traxectorias no fomento e implantación de boas prácticas no campo da enerxía, así coma as contribucións realizadas polos profesionais ou entidades”.
Os V Premios Galicia de Enerxía establecen un total de sete categorías:
- Premio ao mellor comunicador en materia enerxética
- Premio á mellor actuación de sensibilización e difusión en materia enerxética
- Premio ao mellor proxecto emprendedor
- Premio ao mellor proxecto de iluminación
- Premio ao mellor proxecto de innovación
- Premio ao mellor proxecto de enerxías renovables
- Premio ao mellor proxecto de eficiencia enerxética
Segundo as bases destes premios, os/as interesados/as a optar a estos galardóns deberán remitir as súas candidaturas mediante correo electrónico dirixido ao decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento, (colegio@icoiig.es) ata o 8 de febreiro de 2018 ás 12.00 horas. Cada candidatura deberá demostrar ao xurado a vinculación e méritos no tocante á promoción da enerxía en Galicia, amais de contar o/a candidato/a cunha vinculación evidente e demostrable coa Comunidade Autónoma.
Cada candidatura deberá contar cunha petición dirixida ao decano solicitando participar na categoría correspondente e xustificando os méritos oportunos para a súa participación. A extensión máxima deberá ser de 100 palabras. Tamén se deberá incluír un dossier coa descripción do proxecto nunha extensión máxima de 3 folios. Así mesmo, poderán incluirse a maiores anexos, imaxes, audiovisuais e outra documentación que sexa de utilidade para acreditar os méritos declarados.
A entrega de galardóns deste certame realizarase na cerimonia de ‘A Noite da Enerxía’. O xurado destes premios, que valorará a calidade e a eficiencia da actividade no sector da enerxía, estará composto polos seguintes membros:
- Oriol Sarmiento, decano do ICOIIG
- Julio García Cordonié, secretario do ICOIIG
- Francisco Bello Morano, Delega en A Coruña do ICOIIG
- Fernando Blanco Silva, Delegado en Santiago do ICOIIG
- Roberto Carlos González Fernández, Delegado en Vigo do ICOIIG
Os gañadores daranse a coñecer antes do 1 de abril de 2018. As candidaturas elexidas recibirán cadanseu galardón do ‘V Premio Galicia de Enerxía’. Contémplase a posibilidade de promoción como empresa premia na súa categoría durante o ano 2018.