O Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), membro do Consello Galego de Enxeñerías (CGES), celebra este venres 6 de outubro a súa II Noite da Industria. A velada desenvolverase a partires das 20.30 horas no auditorio de A Fundación en Pontevedra. O principal obxectivo destes galardóns é, segundo indican dende o ICOIIG, “recoñecer e premiar as boas prácticas e desenvolvemento profesional relacionados co eido da industria entre as empresas galegas ou que realicen a súa actividade en Galicia“.
Nesta II Noite da Industria entregaranse os seis galardóns dos II Premios Galicia Industria. Estes foron fallados o 30 de agosto por un amplo xurado, presidido por Oriol Sarmiento Díez, decano do ICOIIG e presidente da Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia (AIIG). O xurado estivo composto polos seguintes membros: Constantino García Ares, vicedecano do ICOIIG e vicepresidente da AIIG; Julio García Cordonie, secretario do ICOIIG e da AIIG; Alexis Pedreira Ramos, tesoureiro do ICOIIG e da AIIG; Francisco Pérez Rivas, interventor do ICOIIG e da AIIG; Francisco Bello Morano, delegado do ICOIIG en A Coruña e membro da xunta rectora da AIIG; José Fernández Martínez, Delegado do ICOIIG en Ferrol e asociado da AIIG; Manuel Colmenero Guzman, Delegado de Lugo do ICOIIG e asociado da AIIG; Fernando Blanco Silva, delegado de ICOIIG en Santiago e membro da xunta rectora da AIIG; Roberto Carlos González Fernández, delegado do ICOIIG en Vigo e asociado da AIIG; Raquel Maquieira Diz, delegada do ICOIIG en Pontevedra; Ricardo Bendaña Jácome, delegado do ICOIIG en Ourense e membro da xunta rectora da AIIG.
Nesta segunda edición dos Premios Galicia Industria non se estableceron categorías. Polo tanto, o xurado recoñece a persoas, proxectos, empresas e entidades polas súas boas prácticas na contribución ao tecido industrial galego. O fallo do xurado inclúe os seguintes premiados e a xustificación da entrega dos galardóns a cada un deles:
- Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial. Asociación sen ánimo de lucro que ten entre os seus obxectivos o mellor coñecemento, a defensa e a promoción do patrimonio industrial de Galicia como unha parte da nosa historia e da nosa cultura. O coñecemento deste acervo cultural, a súa recuperación e a súa preservación para xeracións futuras, garante unha mellor inteligibilidad do noso decurso histórico e do enorme impacto que a industrialización tivo sobre a nosa cultura, tan importante na revitalización dos vínculos de moitas persoas cos seus referentes territoriais.
- Reapertura da fábrica de Cementos Cosmos. Tras catro anos de case inactividade, a reapertura da fábrica de Cementos Cosmos en Oural (Lugo) foi unha boa noticia para Galicia, pola xeración de emprego estable e de calidade que supón a continuación dunha actividade industrial e polo impulso que significará para a economía galega. Cun investimento de 3 millóns de euros, ata o momento creáronse 75 postos de traballo directo (propios e contratas) e estímase que se crearán uns 300 indirectos. Ademais, a fábrica de Oural contribúe a mellorar a xestión dos residuos de Galicia, como exemplo de desenvolvemento industrial sustentable na nosa rexión e contribución á conservación do medio ambiente.
- Juan Caamaño Cebreiro. Enxeñeiro industrial pola Universidade Politécnica de Madrid e Máster M.B.A. no IESE Business School (Universidade de Navarra). Tras as súas primeiras experiencias no sector privado, nas empresas Ferroclima e Protai, é desde 1983, funcionario do Corpo Xeral da Xunta de Galicia (grupo A1). A súa contribución á industria galega realizouna desde diferentes postos da Administración. Foi Xefe de Servizo de Promoción Industrial de Galicia, xerme do actual IGAPE e posteriormente Director Xeneral de Pesca e Industrias Pesqueiras, entre 1989 e 1993, e Conselleiro de Pesca entre 1993 e 1997. Posteriormente foi o primeiro director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), entre 1999 e 2005. Na actualidade é auditor do Consello de Contas. É colexiado do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia desde 1982.
- Pontevedresa Group. Empresa fundada en 1959 por Francisco Barbeito Castro como Cristalería Pontevedresa S.A, destacando polo seu afán innovador e determinante para o futuro do vidro.
Actualmente acumula máis de 5.000 clientes profesionais do vidro, na industria e a arquitectura, procedentes de toda Europa, América Latina, África e Oriente Medio e segue desenvolvendo procesos de innovación e unha gran capacidade de adaptación aos requirimentos dos distintos mercados nos que opera. Os seus equipos de asistencia técnica así como os seus departamentos de I+D, constitúen xunto cos seus dous centros produtivos de 20.000 metros cadrados, o medio para seguir avanzando cara a unha nova era do vidro. - Andrés Quintá. Cortiñas Nacido nunha casa de labradores, carpinteiros de carros e outros traballos en madeira en Arretén, Parroquia de Iria Flavia-municipio de Padrón, formouse na disciplina da dureza do traballo; e moi novo, con 14 anos, entrou de aprendiz de ferreiro nunha forxa. En 1963 creou un taller de forxa artesanal e cerrajería de xanelas de ferro. E a base de esforzo, traballo, constancia, visión de mercado e re-investimento dos beneficios en innovación tecnolóxica foi levantando un prestixioso grupo empresarial avalado con máis de cincuenta anos de experiencia industrial. Actualmente Extrugasa, asentada nunha superficie de 220.000 metros cadrados e con 94.000 construídos, converteuse nunha corporación líder en España e está recoñecida como unha das primeiras de Europa en extrusión, acabado e mecanizado de perfilería de aluminio, en sectores tan diversos como arquitectura, industria, automoción, ferrocarril, aeronáutica e naval. Cun persoal de máis de 700 traballadores, as súas actividades están baseadas en proxectos de enxeñería e investigación tecnolóxica que xeraron patentes de innovación rexistradas nos 5 continentes.
- Centro Tecnolóxico de Enerxía Distribuída (CETED) de Genesal Energy. O Centro Tecnolóxico de Enerxía Distribuída (CETED) é o único centro tecnolóxico de enerxía distribuída do sector que proporciona solucións a través da enxeñería, fabricación e mantemento de grupos electrógenos orientados e adaptados ás necesidades de cada cliente. Está integrado na empresa galega Genesal Energy como departamento estratéxico para canalizar todo o esforzo e as accións da empresa en materia de I+D+i. En 2016 inauguráronse as novas instalacións en Bergondo (A Coruña). De iniciativa privada, o CETED é único no mercado e reafírmase nos principios marcados desde a súa creación: canalizar todo o esforzo en I+D+i para ofrecer servizos personalizados e innovadores. Ten departamento de enxeñería, aula de formación, unha área de probas con bancos de carga en que se realizan ensaios de potencia e o laboratorio de choiva máis grande de Europa.
A II Noite da Industria está organizada polo ICOIIG en colaboración coa AIIG. A cita conta tamén con varios patrocinadores dunha velada na que se porá de manifesto a importancia do tecido industrial en Galicia.