PEDRO CALAZA
Presidente do Consello Galego de Enxeñerías.

«Arrastramos un déficit en investimento en I+D, pero vemos luz no camiño»

Tocan todos os sectores económicos da comunidade. O Consello Galego de Enxeñerías aglutina ás oito ramas tradicionais das enxeñerías reguladas en Galicia. Unha voz común para estas disciplinas que estrea nova xunta directiva, con Pedro Calaza, o decano do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos, á fronte. «Os enxeñeiros adaptámonos, enxeñamos e propoñemos solucións», destaca Calaza. Asume a batuta nunha etapa de transformación tecnolóxica na que reivindica o papel do gremio.

—Que poden achegar ao tecido produtivo que non se estea facendo xa?

—Un uso máis intelixente da enerxía. O coñecemento dos enxeñeiros galegos é un motor de innovación e transferencia tecnolóxica. Facilitamos que as empresas incorporen novas tecnoloxías e desenvolvan solucións que melloran a competitividade optimizando recursos, pero tamén reducindo custos e promovendo a sustentabilidade.

—Cando falamos hoxe de tecnoloxía, todo pasa polo filtro da intelixencia artificial. Non existe un futuro sen ela?

—A intelixencia artificial é o campo tecnolóxico máis transformador do futuro e a súa integración pode potenciar significativamente a competitividade e eficiencia dos sectores produtivos. A súa aplicación está en todas as ramas da enxeñería, na industria, a loxística ou a agricultura, porque permite automatizar procesos, pero tamén mellorar a toma de decisións e anticipar problemas. E, así, auméntase a produtividade e redúcense os custos.

—No caso da economía galega, onde a aplicaría?

—En Galicia pode contribuír a mellorar a xestión dos portos ou optimizar os roteiros de transporte. Con intelixencia artificial podemos monitorizar a sustentabilidade da pesca ou predicir impactos medioambientais. Non cabe dúbida de que vai fomentar novas oportunidades de negocio e emprego, e de que vai posicionarnos como unha rexión avanzada tecnoloxicamente. — As empresas non son competitivas sen capacidade tecnolóxica? —A competitividade depende cada día máis da capacidade tecnolóxica e da capacidade de adaptación. Canto maior sexa o investimento en innovación, modernización e adopción de novas tecnoloxías, máis eficiente e produtiva serán a industria e os servizos. Isto fortalécenos fronte a outras rexións.

— Con todo… está infravalorada a enxeñería na toma de decisións?

—Desde o meu punto de vista, non está sempre o suficientemente presente. Especialmente, en áreas estratéxicas sectoriais como as infraestruturas, a enerxía, a industria ou a xestión ambiental e do territorio. Moitas políticas públicas deséñanse sen contar coa nosa visión técnica especializada, o que pode derivar en proxectos menos eficientes, maior custo económico ou impactos ambientais non previstos. É oportuna e necesaria unha maior presenza de enxeñeiros nos órganos de decisión. Ademais, a enxeñería anticípase a problemas como o cambio climático, o despoboamento ou a transición enerxética, o que permite deseñar solucións máis estratéxicas.

—E algún exemplo de bo uso?

—As iniciativas estratéxicas en sectores como a automoción, plataformas dixitais para economía circular ou solucións baseadas en intelixencia artificial mostran que hai proxectos de innovación con potencial de mercado, mesmo liderados por pemes galegas dentro de consorcios cooperativos. Pero non temos claro cantos produtos de I+D nacidos en Galicia hanse comercializado exitosamente ou cantas patentes rexionais licenciáronse a empresas. Isto indica que a transformación de coñecemento en negocio aínda está nunha fase intermedia de desenvolvemento.

—Galicia aínda ten que poñerse as pilas neste campo?

—Arrastramos un déficit en investimento histórico en I+D fronte á media estatal e europea, pero vemos luz no camiño. Os datos mostran que esa brecha está a reducirse. No 2024, o investimento en termos absolutos incrementouse preto do 10% respecto ao ano anterior e a un ritmo superior ao da media estatal. Esperemos que siga así. Sen isto non hai diferenciación nin futuro empresarial.

—Que paso hai que dar para que a innovación tecnolóxica teña máis impacto real na economía galega?

—Para que a innovación tecnolóxica transforme a economía galega, necesítase máis investimento, integración real nas pemes, unha colaboración universidade-empresa, talento cualificado e políticas públicas estratéxicas. E moito diso vai da man da integración de enxeñeiros en todos os niveis: administración, empresas, universidades e políticas. A visión anacrónica de que un enxeñeiro é un custo e non un investimento parece superada.

—A mellor decisión que pode tomar unha empresa é contratar a un?

—É importante subliñar que as oportunidades para os enxeñeiros non sempre están remuneradas en coherencia co seu esforzo académico, formación e responsabilidades. Pero a todos resúltanos doado entender que ter a profesionais da máis alta cualificación tradúcese nunha mellora do negocio. É simplemente sentido común. Dádenos máis oportunidades e melloraremos Galicia.