Oriol Sarmiento e Pedro Calaza, presidente e secretario do Consello Galego de Enxeñerías (CGES), reuníronse co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para presentarlle oficialmente a entidade e abordar proxectos e vías de colaboración en común.

O encontro enmárcase no propósito do CGES de ser a voz única da enxeñería galega ante as Administracións e a sociedade en xeral. Oriol Sarmiento expúxolle ao presidente provincial coruñés que a entidade que preside representa máis de 5.000 profesionais de alta formación e cualificación a nivel internacional, claves para o desenvolvemento económico de Galicia e a transformación da sociedade.

Entre as vías de colaboración tratadas nesta xuntanza, o CGES e a Deputación da Coruña estudarán a posibilidade de publicar un libro que recopile os principais proxectos e achegas que as distintas pólas da enxeñería teñen realizado na provincia.

Ademais, o presidente provincial amosou interese ante a proposta do CGES de colaborar coa Deputación para verificar que os procedementos, documentacións e iniciativas relacionadas co ámbito das enxeñerías conten con plena corrección técnica e normativa.

O Consello Galego de Enxeñerías

O Consello Galego de Enxeñerías agrupa os seguintes colexios profesionais de Galicia: Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, Colexio de Enxeñeiros Industriais, Colexio de Enxeñeiros Agrónomos, Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións, Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España, Colexio de Enxeñeiros ICAI, Colexio de Enxeñeiros Navais e Oceánicos e Colexio de Enxeñeiros de Montes.

O CGES ten entre os seus propósitos avanzar na prospección da evolución científica e tecnolóxica en Galicia, desenvolvendo o I+D+i. A estes labores cómpre engadir a elaboración de informes e dictames sobre os asuntos que se lle sometan a estudo por parte das Administracións, entidades, corporacións e persoas físicas e xurídicas radicadas en Galicia.