O Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais (COIN) de Galicia, membro do Consello Galego de Enxeñerías (CGES), vén de poñer en marcha, a través da súa Aceleradora Océano Azul, un programa para a creación e desenvolvemento de novas empresas de base tecnolóxica marítima en Galicia. Esta acción formativa desenvolverase entre o 23 de outubro e o 15 de decembro e a participación é gratuíta. As inscricións deberanse formalizar antes do 15 de outubro premendo neste enlace.

CursoCOINFerrolCGESEste programa de Creación e Consolidación de Empresas de Base Tecnolóxica Marítima en Ferrol é posible grazas ao convenio de colaboración asinado pola Fundación Ingeniero Jorge Juan (FIJJ) e a Fundación Incyde dentro do Programa Operativo de Emprego, Formación e Educación (POEFE) cofinanciado polo Fondo Social Europeo. O plan de ‘Emprendemento Océano Azul en Ferrol’ está dirixido a emprendedores, empresarios, persoas inactivas ou desempregadas que busquen a oportunidade de comezar a xestionar unha empresa ou un proxecto de autoemprego, independentemente das súas características ou antecedentes persoais. Este curso terá un total de 20 prazas para potenciais emprendedores e empresarios.

O programa formativo desenvolverase ao longo de 7 semanas nas instalacións da Escola Politécnica de Ferrol. Constará dun total de 28 horas de capacitación grupal (un día á semana) e unha bolsa de 226 horas de titorías individuais. O programa comezará cunha Xornada de Sensibilización o próximo 16 de outubro e a primera semana de formación arrancará o 23 de outubro.

O programa formativo contempla as seguintes materias:

  • Estratexia Empresarial
  • Marketing Dixital
  • Finanzas e Aspectos Xurídicos e Tributarios
  • Innovación e Creatividade
  • TICs e Operacións

Esta iniciativa forma parte do parte do Programa de Fomento do Autoemprego e das Iniciativas Empresariais (POEFE) que leva a cabo o Fondo Social Europeo. O seu obxectivo é incorporar ao mercado laboral ás persoas inactivas e desempregadas de Galicia a través do emprendemento.