A Delegación Territorial en Galicia do Colexio de Enxeñeiros Navais e Oceánicos (COIN), membro do Colexio Galego de Enxeñerías, organizou a mediados de maio un completo programa de actividades para conmemorar os seus 50 anos de historia. Actividades culturais e de lecer centraron unha completa fin de semana dirixida a colexiados e aos seus familiares. Os actos tamén contaron coa presenza de autoridades coma o alcalde de Ferro, Jorge Suárez; almirante xefe do Arsenal, Francisco Javier Romero Caramelo; o xerente de Exponav, José María Cardona; o director do Museo Naval, Bartolomé Cánovas; o director da Escola Politécnica Superior, Armando Yáñez, e o delegado en Galicia do Colexio de Enxeñeiros, ICAI, Antonio Murillo.
A primeira das propostas desenvolveuse o pasado sábado 13 pola mañán no Museo Naval de Ferrol, cunha visita guiada da man do seu director. Os participantes gozaron das detalladas e amenas explicacións, así como das anécdotas e historias que encerra este centro museístico. O amplo programa de actos continuou cun percorrido polo Museo da Construción Naval para os maiores e un taller moi especial para os máis pequenos da casa. O Obradoiro de Piratas permitíu que unha vintena de nenos tiveran a oportunidade de coñecer de preto algo máis sobre o traballo dos seus pais. Ademais de percorrer o museo, a través dunha divertida búsqueda do cofre do tesouro, aprenderon a facer nós mariñeiros.
Un dos actos centrais desta primeira xornada de celebración foi o xantar de confraternidade para colexiados e familiares celebrado na Sala Carlos III do Museo da Construción Naval. A Xunta Territorial do COIN aproveitou esta ocasión para render homenaxe a Maite Fernández polo traballo desenvolvido durante 14 anos nas oficinas da delegación. O decano do COIN de Galicia, Javier Pamies, entregoulle unha metopa como signo de agradecemento.
Xa pola tarde, os participantes desprazáronse ao Porto de Ferrol para embarcarse ata o Castelo de San Felipe descubrindo a beleza desde a mar da cidade naval. En dito castelo, pequenos e maiores viaxaron ao século XVIII da man da aguadora Dorinda e un disparatado grupo de soldados. Todos perfectamente uniformados e armados de acordo á época e que sorprenderon disparando as súas armas regulamentarias de lume conservadas desde o século XVIII.
A xornada dominical estivo marcada por unha ruta a pé polo Parque Natural das Fragas do Eume. Durante o percorrido, falouse do Mosteiro de Caaveiro, un conxunto monumental declarado Monumento Histórico Artístico, cuxos restos máis antigos datan do século XII e que foi restaurado recentemente pola Deputación da Coruña. Os actos do 50 Aniversario do COIN en Galicia finalizaron cun almorzo de confraternidade a base dos mellores produtos galegos.