O membro do Consello Galego de Enxeñerías (CGES), o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia celebrará o próximo 29 de setembro a XXII edición da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, baixo o lema Ciberseguridade, oportunidade para @s telecos. A cita estará presidida polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e desenvolverase nas instalacións do Palexco da Coruña.

A edición deste ano contará cunha celebración especial, co gallo do 25 aniversario da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG). Un dos intres centrais da velada será a cerimonia de entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Os premiados serán os seguintes:

  • Paulino González, Premio ao Enxeñeiro do Ano
  • A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, Premio Socia de Honra
  • Situm Technologies, Premio Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial
  • Alejandro Ramos Soto, Premio GRADIANT á mellor tese doutoral aplicada ó sector TIC
  • Balidea Consulting & Programming, Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en colaboración coa Amtega
  • Víctor Manuel Segura Sieiro, Premio ó mellor expediente académico do Máster en Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo
  • FINSA, Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de insfraestruturas intelixentes de telecomunicacións

A Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información contará coa asistencia de centos de profesionais do sector. Ao finalizar o acto, dará comezo unha cea de confraternidade á que está previsto que asistan arredor duns 300 profesionais e empresarios do sector.