O membro do Consello Galego de Enxeñerías (CGES), o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia deu a coñecer os oito aspirantes ao Premio San Telmo 2017, unha distinción que promove o Colexio para distinguir á mellor obra de enxeñería civil realizada en Galicia. “Para conseguir este premio valoramos, por unha banda, a calidade técnica, territorial e construtiva desa actuación; pero tamén é fundamental que esa obra redunde na mellora da calidade de vida dos habitantes de Galicia, tanto desde o punto de vista ambiental como económico”, indica o decano do Colexio, Ricardo Babío Arcay, en relación á exposición instalada nos Cantóns (A Coruña) con información de todas as candidaturas que optan ao Premio San Telmo 2017.
Ricardo Babío explica que “a intención do Colexio de Enxeñeiros de Camiños de Galicia é facer partícipe a toda a cidadanía neste premio, polo que todas aquelas persoas que o desexen poderán formar parte do xurado do Premio San Telmo 2017 e votar pola súa candidatura favorita”. Terán dúas opcións: a través do seu teléfono móbil, mediante un código QR instalado nos prismas da exposición, ou ben a través da web: www.caminosgalicia.gal. “Deste xeito, o voto popular converterase nun membro máis do Xurado do Premio San Telmo 2017. Desde o luns, recolléronse máis de 600 votos”, conclúe o decano.
Candidaturas
A exposición está composta por oito prismas triangulares, de 1,5 x 2 metros, que recollen imaxes, planos e información sobre os aspectos máis relevantes de cada unha das obras e que, en opinión dos seus promotores, merecen que sexa considerada como a mellor obra de enxeñería civil realizada en Galicia. A maiores, todas aquelas persoas que se acheguen polos Cantóns antes do próximo 3 de outubro poderán ver tamén outros nove paneis correspondentes ás obras gañadoras en edicións anteriores do Premio San Telmo. Despois, a mostra iniciará unha itinerancia por Galicia para tentar achegarse a un maior número de persoas. Os candidatos ao Premio San Telmo 2017 son as seguintes:
- Acceso ao Porto Exterior da Coruña, promovida polo Ministerio de Fomento. Trátase dunha autovía que permite a conectividade do Porto Exterior coas vías de alta capacidade da contorna, as grandes áreas de crecemento industrial próximas e co resto da comunidade. É unha obra complexa, cunha lonxitude de 4.382 metros de tronco.
- Ampliación de pista do Aeroporto da Coruña, promovida por AENA. Permite ampliar a capacidade e operatividade de Alvedro, con avións de maior tamaño e novas rutas, e adecualo á nova normativa internacional de seguridade aérea. Aumenta en 400 metros a pista pola cabeceira 03, proxectada sobre un terraplén de 35 metros de altura, cun movemento de terras de 4,3 millóns de metros cúbicos e a achega de 25.000 toneladas de asfalto respectando o medio ambiente e o patrimonio cultural.
- Planta de tratamento F/Q e evaporación de residuos líquidos nas Somozas, promovida por Somozas Valorización de Lodos-Biogás SL. Esta planta complementa e pecha o proceso de tratamento do Centro de Valorización de Residuos das Somozas e reduce o residuo non valorizable a menos do 1%. O tratamento físico-químico neutraliza os residuos líquidos ácidos con reactivos ou coa mestura doutros residuos. O resultado é un destilado apto como auga industrial, sulfato amónico para fertilizantes e un mínimo de residuo seco neutralizado.
- Concesión para a construción e explotación da Autovía da Costa da Morte, promovida pola Xunta de Galicia. Máis de 27 quilómetros de autovía libre de peaxe que completa, con maior seguridade, a conexión das comarcas da Costa da Morte, evita a circulación de ata 10.000 vehículos por 7 km de travesías e reduce á metade o tempo de percorrido entre Carballo e Baio. Cun investimento de máis de 170 millóns de euros, inclúe 6 viadutos, 15 pasos superiores, 18 pasos inferiores, 1 centro de control e 8 ligazóns.
- Galería para a protección de tubaxes no Porto Exterior da Coruña, promovida pola Autoridade Portuaria da Coruña. A singularidade da obra, única destas características no ámbito portuario, parte das súas estritas condicións de deseño. Proxectouse unha estrutura de 2,3 km de lonxitude e 10 metros de altura capaz de protexer ?ante temporais extremos, con ondas de máis de 15 metros de altura- as instalacións que discorrerán ao longo do dique do Porto Exterior da Coruña.
- Viarios subterráneos da dársena da Mariña e o peirao do Parrote no Porto da Coruña, promovida pola Autoridade Portuaria da Coruña e o Concello da Coruña. Esta obra permitiu xerar máis de 50.000 m2 de espazos peonís e mellorar a mobilidade da zona. O investimento ascende a 26,73 millóns de euros e trátase dunha obra de gran complexidade técnica pola súa proximidade ao bordo marítimo e situarse por baixo da carreira de marea.
- Autovía de acceso á Coruña AC-14 e conexión coa Terceira Rolda V-14, promovida polo Ministerio de Fomento. De gran complexidade técnica e administrativa é unha das infraestruturas máis importantes das realizadas na cidade e a súa área metropolitana de fronte ao futuro. É o terceiro acceso de alta capacidade e o primeiro sen peaxe que conecta a metrópole coa A-6, a AP-9, a AG.55 e o aeroporto de Alvedro. Reconfigura o mapa de acceso á cidade, reduce os tempos de circulación, desconxestiona o tráfico nas avenidas de Alfonso Molina e San Cristóbal e integra barrios ata agora mal comunicados (Mesoiro, Novo Mesoiro, Feáns, Zapateira).
- Ponte sobre o río Miño en Os Peares, promovido pola Axencia Galega de Infraestruturas. Construído nun lugar moi simbólico (a confluencia dos ríos Miño e Sil) comunica o Consorcio de Vos Peares coa estrada N-120. A tipoloxía estrutural de pórtico, con células en V, permite salvar unha luz de 64 metros, no van principal, empregando elementos de montaxe de pequena dimensión, reducindo os medios para a construción e integrándose na contorna natural sen restarlle protagonismo. A ponte é de uso compartido de peóns, ciclistas e tráfico rodado.