A Súa Maxestade o Rei Felipe VI recibiu no Pazo da Zarzuela á Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos (COIN) co gallo do 50º aniversario da súa creación, entre os que estaba José Joaquín de Troya, decano territorial en Galicia. A Xunta de Goberno do COIN entregoulle á Súa Maxestade unha medalla de ouro conmemorativa do aniversario.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos, que ten como principal obxectivo a defensa da profesión de enxeñeiro naval e do seu futuro, constituíuse o 1 de abril de 1967, data na que se asinou o decreto polo que se autorizaba a súa creación. Nel recoñecíase o carácter oficial e a plena personalidade xurídica para o desenvolvemento dos seus fins baixo a tutela do Ministerio de Industria, encargado de aprobar os estatutos e ditar as normas complementarias. O 4 de abril de 1967, os colexiados aprobaron por votación os estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais.

O Colexio conta na actualidade con 2.278 enxeñeiros navais e oceánicos. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, é a quinta carreira con maior índice de emprego e un 67% dos egresados atopan emprego en menos de tres meses. Segundo datos do Colexio, máis do 70% traballa no sector naval en enxeñería, produción, dirección, calidade, comercial, etc. cunha proporción de mulleres en aumento, que se agarda que acade un 10% en 2018, aínda que no tramo de idade de 30-39 anos xa supera o 25%.

Entre os servizos que ofrece aos seus colexiados, atópase a asesoría legal, xurídica e profesional, a organización de xornadas tanto de carácter técnico como de negocio marítimo, a súa representación institucional e a cobertura de responsabilidade civil na súa vida profesional a través dun seguro. Máis información.