Os presidentes do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña, Luciano Vidán, e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (integrante do CGES), Julio Sánchez Agrelo, asinaron un convenio de colaboración que ten como obxectivo principal o desenvolvemento dunha aplicación móbil médica.
As principais funcionalidades que os enxeñeiros de telecomunicación deseñarán para os médicos colexiados da provincia coruñesa agrúpanse en sete apartados: Administración (servizos e trámites administrativos), Noticias sanitarias, Disposicións legais, Taboleiro de anuncios (formación, actividades e eventos organizados polo Colexio e ofertas de emprego para facultativos), Médicos Internos e Residentes , Bibliografía e Botón de agresións.
Este último poderá ser pulsado polos facultativos sometidos a algún perigo ou agresión e, de inmediato, a app comunicará a emerxencia xeolocalizada á Policía Nacional ou a Garda Civil, tal e como se contempla na circular emitida pola Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior, para evitar ou combater os malos tratos ao persoal sanitario.
Aposta decidida
Para o doutor Vidán, “este convenio en un paso máis na firme e decidida aposta do Colexio Médico da Coruña polas novas tecnoloxías, pola excelencia na xestión e por facilitar aos colexiados ferramentas eficaces para a súa seguridade e o seu desenvolvemento profesional”. As TIC, apuntou, “irrumpiron con forza no sector sanitario e o farán, aínda máis, nos vindeiros anos”, por iso, “médicos e enxeñeiros de telecomunicación decidimos unir as nosas forzas para que estas ferramentas sexan cada vez máis eficientes e redunden nunha mellor praxe médica e nunha mellor atención sanitaria aos cidadáns”.
Pola súa parte, Julio Sánchez Agrelo considera que o emprego da tecnoloxía axuda “a humanizar e a mellorar a eficiencia da asistencia sanitaria” e posibilita que se “optimice o servizo asistencial e clínico”. Por este motivo, congratulouse pola sinatura deste convenio co Colexio de Médicos da Coruña e tamén polo feito de que cada vez sexan máis os colectivos profesionais que aposten decididamente polo emprego das TIC nos seus ámbitos de actuación. Neste sentido, Sánchez Agrelo lembrou que estreitar lazos con outros colexios e colectivos profesionais e tamén con entidades académicas e institucións universitarias está a ser un dos eixos de acción principais do mandato da Xunta Directiva da AETG.